O parlamentario socialista José Manuel Pérez Seco levará ao Parlamento unha serie de iniciativas parlamentarias sobre o anuncio de ERE da firma Noa Madeira Creativa, situada no Polígono Vilar do Colo, extintivo para 100 dos 250 traballadores da plantilla. Así o confirmou nun encontro cos traballadores na Casa do Pobo da Agrupación Socialista de Fene, ao que tamén asistiron representantes do Partido Socialista local.
O deputado parlamentario socialista José Manuel Pérez Seco ten presentado varias preguntas á Xunta para que explique as medidas previstas ante a decisión da empresa, que non só deixaría sen traballo a un centenar de traballadores, senón que suporía unha crise económica para toda a comarca de Ferrol polas numerosas pequenas e medianas empresas provedoras do Grupo Noa que verían a súa carga de traballo drasticamente mermada.
Ademais de Pérez Seco, tamén participaron membros do Comité Executivo Municipal do PSOE de Fene, co seu secretario Xeral, Carlos Romero, e o portavoz do grupo socialista municipal Antón Noceda, ademais doutros membros do CEM, Amalia García, secretaria Executiva e Matilde Castro na secretaría de Igualdade, ademais doutros membros locais.
O obxectivo do encontro era ter información de primeira man da situación real da empresa e dos seus traballadores así como manifestar o interese e apoio dos socialistas por acadar unha solución satisfactoria para o conxunto dos traballadores. Así, tanto o deputado como os socialistas feneses asumiron as demandas dos traballadores e comprometeron o seu total apoio ás diversas accións reivindicativas que teñen previsto tomar nos vindeiros días.
Comité de empresa
Segundo os datos aportados polos traballadores o ERE non se sustenta en datos económicos, que son positivos nin tampouco na carga de traballo. O Grupo Noa, especialista en mobiliario comercial e instalacións a nivel internacional, ten entre os seus principais clientes a empresas do grupos Inditex e Adidas, cunha gran carga de traballo pese á que calculan será unha baixada do grupo Inditex polo aumento da venda online en detrimento das tendas físicas.
Segundo explican os traballadores, coas cifras estimativas que manexan, a empresa mantivo nos dez últimos anos un crecemento sostido de preto dun 20%, aumentando a facturación de sete millóns de euros en 2007, a 48 millóns no último exercicio. Do mesmo xeito, o plantel de persoal medrou de 150 aos 250 traballadores actuais, sendo o 70% fixo de plantilla e o resto eventuais de longa duración.
O Grupo Noa, pertencente ao Grupo Amil, foi adquirido o pasado verán polo Grupo Malasa, con sede en Cerceda por, segundo cifras manexadas polos traballadores, 26 millóns de euros. O Comité de Empresa, ao que se lle avisou de forma oral, non por escrito, da previsión da nova empresa de despedir un centenar de traballadores, sospeita que a intención do Grupo Malasa é reconverter o cadro de persoal para amoldalo á súa estrutura, con 30% de traballadores fixos e o resto eventuais a través de empresas de traballo temporal.
Isto suporía, quéixanse os traballadores, ademais do despido dun centenar de traballadores, a total precarización das condicións de traballo. Ante esta situación, os traballadores teñen previsto realizar en vindeiras datas varias accións reivindicativas en toda a comarca de Ferrol, ás que se sumará a Agrupación Socialista de Fene.