O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Luis Álvarez, criticou hoxe que a Xunta estea a utilizar o programa de prevención do abandono escolar como “partida comodín” para desviar fondos “segundo vaia facendo falta”. Así o dixo no debate dunha interpelación na que puxo en cuestión que en 2017 deixaran sen executar 6,2 millóns de euros desta partida.
O responsable socialista puxo en cuestión que o goberno galego “prescindira de 6,5 millóns de euros porque segundo vostedes non hai necesidades” nun contexto de falla de profesorado e numerosos alumnos que requiren de atención específica “sen atender”.
Explicou que en 2017 orzamentaran orixinalmente 19,7 millóns de euros desta partida, dos que ao longo do ano detraeron 6,5 a través dunha modificación orzamentaria que diminuíu este programa nun terzo, unha redución “importante, notable e chamativa”. Máis chamativa se cabe, sinalou, cando para este ano 2018 case que duplican o seu orzamento para incrementalo ata os 24 millóns de euros.
Acusou ao goberno galego de ter este programa “sobreorzamentado para usalo como colchón” e así poder dispoñer de crédito para outras partidas deficitarias ao longo do exercicio orzamentario. Álvarez acusou ao goberno galego de demostrar, con estas decisións, que “priorizan a propaganda fronte á efectividade política”.