O responsable da Área Institucional do Grupo Socialista, Juan Díaz Villoslada, acusou hoxe ao goberno galego de incumprir cos seus propios requisitos de transparencia sobre a contratación pública. Así o dixo no debate dunha proposición non de Lei para reclamar información sobre os contratos menores, a metade do total licitado pola Xunta no ano 2016, o último con datos oficiais.
No debate desta iniciativa, que será votada mañá, o responsable socialista acusou ao PP de tratar a transparencia como “bisutería política” cando se trata dun asunto “fundamental para a loita contra a corrupción e as políticas antifraude”.
Así o dixo logo de evidenciar que en apenas dous anos, os que pasaron entre a Lei de Racionalización de 2013 e a Lei de Ordenación da Asistencia Xurídica, primeiro reduciron á metade e despois suprimiron a marxe da adxudicación directa -9.000 euros para contratos de subministros e servizos e 25.000 de obras-.
Criticou que a transparencia sexa “unha materia gaseosa” para o goberno galego e reclamou “pasala ao estado sólido” para que “cumpra coas normas que el mesmo se da” con órganos permanentes de control e verificación da contratación pública autonómica. Acusou ao PP de facer de “oposición da oposición” para evitar dar explicacións desta situación “simplemente porque non as teñen”.
Díaz Villoslada alertou do impacto negativo da xeneralización deste tipo de contratos sobre o tecido socioeconómico por parte do goberno galego, que asinou un total de 123.903 contratos menores “a dedo” e sen transparencia en 2016. Estes ascenderon a un montante total de 868.960.521 euros, case a metade da contratación total realizada pola Xunta durante todo o ano.
Advertiu que esta práctica provoca que sexan as grandes empresas as que acaparen a maior parte dos contratos, mesmo incorrendo en baixas temerarias. Esta situación, sumada á redución do 25 por cento da licitación pública, provoca “menos competitividade e máis opacidade” e dana ao tecido socioeconómico galego, con gran maioría de pemes que non poden aspirar a estes contratos.
Díaz Villoslada lembrou que a propia portavoz do PP no Concello de Vigo e ex conselleira de Facenda advertiu que esta práctica agocha unha “evidente intención de contratar con determinadas empresas”.
Comparou así a transparencia das institucións presididas por representantes do PSdeG, como as deputacións de A Coruña, Lugo e Pontevedra, que publican toda a contratación menor, coa de Ourense, que a agocha. Así mesmo, o concello de Lugo publica toda a contratación menor dende 2013, o de Vigo dende 2015, mentres o de Ourense aínda non empezou e o de A Coruña os índices de transparencia se desplomaron baixo a alcaldía do PP.