O portavoz do Grupo Socialista anunciou hoxe que se dirixirá a Feijóo na próxima sesión de control do Parlamento para reclamarlle colaboración entre o goberno e as universidades galegas para reforzar os estudos de posgrao en Galicia. O responsable socialista reivindica democratizar o acceso a estes estudos con garantía de calidade e que sexan útiles para o tecido socioeconómico galego.
Fernández Leiceaga apuntou á polémica co Máster de Cifuentes e aos “mecanismos de reprodución das desigualdades que sempre aparecen” mesmo nos sistemas educativos deseñados para garantir a igualdade de oportunidades. Apuntou que “é hora de impulsar unha oferta de posgrao de calidade en Galicia”, que actualmente suma 140 títulos diferentes, e que sexa competitiva no entorno internacional.
Puntualizou que “se en España hai dous dos mellores posgraos financeiros do mundo, é posible facelo tamén dende Galicia”, pero precisa que o goberno galego se involucre á hora de coordinar un plan de estudos de calidade con recursos adicionais e vencellado ás necesidades de Galicia. Desta forma permitiría frear a “fuga de cerebros” que saen de Galicia a desenvolver os seus posgraos e “quedan alá”.
Ademais urxiu a realizar unha “reflexión” para que sexa a Xunta quen “lidere o proceso” co obxectivo de ampliar o sistema de axudas e “democratizar o acceso ao posgrao de calidade” complentando unha aportación que hoxe resulta “insuficiente” para quen ten menos recursos familiares.
Credencialismo
O responsable socialista advertiu dos efectos perversos sobre a educación superior que están a provocar a “fraude e a mentira” do Máster da presidenta da Comunidade de Madrid e de Pablo Casado, que “converteu 4 días de estudos en Aravaca nun Máster en Harvard”.
Alertou do “credencialismo” que explica a “avidez por colocarse títulos de posgrao” por parte dos responsables políticos que con casos como estes “está destruíndo o valor meritocrático do esforzo e a capacidade inherentes aos estudos académicos de posgrao”.
Folga de Xustiza
O portavoz socialista alertou hoxe ademais de que a folga da Xustiza galega “está durando demasiado” con consecuencias negativas sobre a sociedade pola “incapacidade da Xunta de atender de forma adecuada ás reivindicacións dos traballadores e entender o que está pasando”.
Sinalou que os traballadores da Xustiza perciben “orfandade, desleixo e distancia” co goberno galego pola manifesta “falla de receptividade”. Fixo un chamamento a “apurar as negociacións” e “eliminar os elementos que impidan que os que poden tomar as decisións se senten e escoiten” porque “é hora de ir concluíndo” este conflito.