O portavoz de Economía, Industria e I+D do Grupo Socialista, Abel Losada, lamentou o veto do PP a dúas propostas presentadas hoxe polos socialistas galegos na Comisión de Economía para reclamarlle á Xunta que execute os recursos que prevé nos orzamentos para as políticas activas de emprego e para favorecer a inserción laboral de calidade.
Losada sinalou que a Xunta deixou sen executar ata 700 millóns de euros entre 2010 e 2017 correspondentes aos programas para activar o mercado laboral, provocando un crecemento da ocupación “anémico” a pesares dun crecemento do 3,1 por cento da economía. Sinalou que “ningún obxectivo de emprego proposto por Feijóo a ser cumprido” pola “manifesta incompetencia” do goberno galego.
O responsable socialista explicou que de acordo cos datos da EPA, Galicia ten hoxe 100.000 ocupados menos que en 2009, mentres o número de parados baixou en 22.000 persoas, co que “por cada 20 traballadores que saen do paro, somentes 3 atopan traballo”. Alertou neste sentido que a taxa de ocupación de Galicia é a cuarta máis baixa de España.
A “incompetencia” do goberno galego, dixo, provoca un “mercado laboral anémico que non despega” senón que incrementa o diferencial na taxa de ocupación con España, que cando comezou a crise era do 1,4 por cento e hoxe sitúase no 3,9 por cento. Amosou o seu escepticismo fronte ao obxectivo de Feijóo de situar a taxa de ocupación no 60 por cento en 2020 cando hoxe está no 45, fronte ao 49 da media do Estado.
Inserción laboral de calidade
Losada criticou tamén o veto do PP a unha proposición non de Lei na mesma Comisión para favorecer a inserción laboral de calidade en Galicia. O responsable socialista sinalou que “debera caerlles a cara de vergonza” logo de constatar que a Xunta tan só executou o 7 por cento do orzamento destinado ao programa para a mellora de cualificación do emprego.
Sinalou que o nivel de compromiso do goberno galego co impulso do emprego evidencian “ou incompetencia ou unha vontade manifesta de abandonar as políticas de emprego por parte da Xunta de Galicia”.
Esta iniciativa incluía tamén a proposta de impulsar un emprego autónomo de calidade logo de sinalar que Galicia perdeu 24.900 traballadores autónomos dende 2008, unha caída 5 puntos maior que no conxunto do Estado. Apuntou que a situación “non acaba de avanzar” logo de apuntar que entre 2017 e 2018 “perdéronse 400 autónomos en Galicia”.