O portavoz de Industria do Grupo Socialista, Abel Losada, lembroulle hoxe ao goberno galego que el é o máximo responsable das “comprobacións necesarias e o cumprimento da normativa mineira”. Así o dixo no debate dunha pregunta oral sobre o proxecto mineiro de Touro, no que sinalou que “algo non se está facendo ben” diante da situación medioambiental da zona.
Losada considera “difícil de crer e de aceptar” que “Augas de Galicia poida confirmar que a calidade da auga no entorno é satisfactoria”, logo dunha explotación mineira aberta no ano 86 que provocou un impacto medioambiental “enormemente agresivo”. Sinalou así ás consecuencias visuais e na calidade da auga, que suscitou ducias de denuncias pola asociación Aldea Viva mesmo antes da constitución da Plataforma contra a explotación.
O responsable socialista puxo en cuestión que o director xeral de Minas confirmara hoxe que o Ph das augas era adecuado e sinalara que a nova explotación “herdara un pasivo medioambiental”. Losada puntualizou que a empresa Atalaya Riotinto “herdou e tamén conservou o pasivo medioambiental” porque hai, sinalou, “unha situación medioambientalmente difícil de dixerir”.
Sinalou que “a auga que pasa polo núcleo urbano de Touro é exactamente igual á de Riotinto, en Huelva”, e apuntou que “por moito que falen de Ph, hai un mes vin unha lagoa negra de color acibeche, na que botabas unha pedra e tardaba en afundirse”. Apuntou que “non sei que Ph tiña, pero tendo en conta que a lagoa non estaba impermeabilizada, -a contaminación- ten que trasladarse á terra e polo tanto á auga”.
Abel Losada esixiulle ao goberno galego que “cumpre coa Lei” e garanta as “esixencias máximas” nas explotacións mineiras e que a empresa “ten que ter cobertura ante situacións de risco”. O parlamentario socialista sinalou ao “comprensible rexeitamente visceral” da poboación diante dunha nova explotación logo de anos de ver as consecuencias das minas abertas no concello.