O portavoz de Industria do Grupo Socialista, Abel Losada, esixiulle hoxe á conselleira de Medio Ambiente que faga “política da auga para os galegos e galegas e non política coa auga para o PP”. O responsable socialista presentou unha pregunta oral no Pleno sobre o adiamento durante 47 días da redución do caudal ecolóxico do río Oitavén por parte do goberno galego.
O deputado vigués acusou á Xunta de retrasar esta medida cando en 2011 “non houbo ningún problema”, ademais de que o caudal ecolóxico da presa de Eiras fora incrementada en outubro deste mesmo ano. Criticou a “certa relaxación” do goberno galego á hora de actuar sobre o subministro, precisou, “non só da cidade de Vigo, senón dos 450.000 habitantes dos sete concellos que integran a Área Metropolitana”.
Criticou que ademais de retrasar a redución do caudal, o fagan criticando a suposta incapacidade de Vigo de potabilizar auga cando, ironizou, “todos sabemos que é responsabilidade do alcalde de Vigo a seca, a potabilización da auga e parte do conflito árabe – israelí”.
Ademais, dixo, a Xunta “tardou case dous meses en asumir a construción do transvase entre o Verdugo e o Oitavén para reforzar o subministro “de toda unha Área Metropolitana que dinamitaron porque non a gobernaban”.
Losada lembra que a Lei de Augas de Galicia (09/2010) presentada polo goberno de Feijóo sinala que lle corresponde á Comunidade Autónoma tomar medidas extraordinarias para garantir o subministro. Ademais, continúa, no artigo 5.3 sobre “obras hidráulicas” apunta que “corresponde a Augas de Galicia a planificación, o proxecto, a construción e a explotación de obras hidráulicas de interese da Comunidade Autónoma”.
O parlamentario socialista lembra que o “documento de síntese” do Plan Auga 2010-25 sinala a obriga do goberno galego de actuar para reforzar o subministro hidráulico de Vigo, na actualización do Plan de Abastecemento de Galicia “volve aparecer o que debera ter feito vostede e non fixo”, e o Plan de Seca da demarcación Galicia – Costa “pon o que ten que facer a Xunta de Galicia en relación con Vigo e non fixo”.