A portavoz de Universidade do Grupo Socialista, Concepción Burgo, reclamou hoxe a rebaixa das taxas dos másteres universitarios “a costa da Xunta e non a costa das universidades”. Así o dixo no debate dunha proposición non de Lei na que reclamou un fondo compensatorio anual para afrontar os 30 millóns de euros que perderán as universidades por unha rebaixa de prezos que os socialistas consideran “insuficiente”.
Burgo criticou hoxe a “xestión autoritaria” de Feijóo que, tal e como confirmou o PP hoxe, decidiu unilateralmente reducir as taxas universitarias e de mestrado sen consultar nin compensarlle ás universidades as súas perdas, nunha demostración de “frivolidade indigna dun presidente serio”. Lembrou que a xestión do goberno galego reduciu o financiamento universitario ao mesmo nivel de hai unha década.
A responsable socialista acusou ao goberno galego de utilizar a “trampa” de compensar con partidas de financiamento das propias universidades, xerando un “círculo no que o sistema universitario sempre perde”. Sinalou que a rebaixa resulta “insuficiente” e reclamou reducir “tódolos másteres, pero a costa da Xunta e non a costa das universidades”.
Criticou que o presidente da Xunta fixera este anuncio, que afecta directamente á viabilidade das universidades e á calidade do ensino, “sen falalo previamente, sen consensualo e sen escoitar ás universidades, sen sequera comunicarlles con antelación que o ía anunciar”.
Advertiu que este anuncio respondeu no seu día á intervención do portavoz do Grupo Socialista marcando a importancia dos mestrados para o futuro dos estudantes universitarios e tamén das súas carencias en Galicia. A xestión do goberno galego, dixo, caracterízase por “unha oferta insuficiente, menos competitivos do que deberan e pola necesidade de democratización” para salvar os problemas económicos dos estudantes.
Burgo considerou necesario rebaixar os custes do ensino universitario para as familias pero advertiu que “está facéndose a cargo das universidades e non da Xunta de Galicia”. de feito, sinalou que mentres as universidades perciben 71 millóns por taxas, a rebaixa das taxas anunciada por Feijóo podería supor unha perda de 30 millóns de euros anuais que non son compensados pola Xunta.
Explicou que en 2018 as universidades teñen un 7 por cento menos de financiamento que en 2009 debido á “infradotación” provocada polos recortes do PP, que sitúan ao Sistema Universitario de Galicia en 2018 ao mesmo nivel que en 2008, co que “con Feijóo as universidades teñen dez anos perdidos”.
Criticou que “mentres as universidades carecen dos recursos necesarios para manter os niveis de calidade, a Xunta vai gastar un mínimo de 17 millóns de euros nun edificio na Cidade da Cultura que realmente o sistema universitario non necesita”.