O portavoz de Marisqueo do Grupo Socialista, Julio Torrado, acusou hoxe á Xunta de “condenar” á Ría de Arousa pola falla clamorosa de medidas de protección medioambiental. Así o dixo no debate dunha proposición non de Lei, na Comisión de Pesca do Parlamento, na que reclamaba un Plan Especial de Sostenibilidade e Aproveitamento da Ría de Arousa, que foi rexeitada polo PP.
O responsable socialista sinalou aos problemas de depuración e saneamento de contornos urbanos que repercuten na Ría, como é o caso de Compostela, que verte a través do río Ulla, xunto coa “falla de conciencia dende a administración autonómica” desta situación. Únese, explicou, o “desleixo no tratamento e mantemento de diversos espazos estratéxicos e a tímida aposta polo reforzo medioambiental”.
Torrado lembrou a recente visita do Grupo Socialista a Arousa, na que puxeron sobre a mesa a caída drástica da produción marisqueira, ata o punto de que o libre marisqueo concluíu a última campaña por debaixo dos 400 millóns de toneladas, un 25 por cento menos que o ano anterior. Así, os permisos de marisqueo caeron un 40 pro cento dende a chegada de Feijóo, pasando dos 6.500 de 2009 aos 4.000 actuais.
Ademais, o aproveitamento do potencial turístico e medioambiental da ría vai da man deste imparable esvaecemento, debido ao nulo interese do goberno galego á hora de impulsar e promocionar as illas de Sálvora e Cortegada no Parque Nacional das Illas Atlánticas, retrasando anos a aprobación do Plan reitor de usos e xestións do parque.
Proposta
Os socialistas reclamaron hoxe a posta en marcha dun Plan Especial de Sostenibilidade e Aproveitamento da ría de Arousa, que inclúe medidas de depuración e saneamento, impulso da produción marisqueira e protección medioambiental. En primeiro lugar, demandan un plan de control de vertidos en toda a ría, así como un estudo sobre a calidade das augas e acordar un plan de investimentos realista acordado cos concellos que teñen depuradoras que afecten á ría.
En canto á produción marisqueira, propoñen coordinar coas confrarías unha solución eficiente para a xestión das zonas de libre marisqueo, así como realizar as intervencións necesarias e urxentes para a retirada de area nos Lombos do Ulla. Tamén solicitan un informe sobre a evolución da produción marisqueira na ría na última década, e clarifica as perspectivas da Xunta con relación ás futuras normativas sobre acuicultura e xestión de espazos marisqueiros.
Finalmente, en canto á protección medioambiental, os socialistas galegos propoñen un plan de recuperación da enseada de Os Pasales de Sanxenxo – Meaño, que permita manter a calidade medioambiental necesaria para a zona, incluír no Plan Reitor de Usos e Xestión do Parque das Illas Atlánticas unha zona de reserva para a Illa de Cortegada. Propoñen ademais un plan de posta en valor da dita Illa e acordar co Concello de A Illa de Arousa un plan de retirada de espeies invasoras no parque de O Carreirón.