A parlamentaria socialista Patricia Vilán acusou hoxe ao PP de ser “o principal obstáculo” para as necesidades básicas de Pontevedra. Así o dixo logo de que aquel partido vetara no Parlamento unha proposta socialista para pedirlle á Xunta orzamento para cumprir con 11 medidas fundamentais para a cidade en materia de infraestruturas, transporte, política social, medio ambiente ou sanidade.
Vilán sinalou que se trata de peticións “históricas” para “mellorar a vida das persoas que viven alí”, e lamentou o veto expreso do PP á reforma do Hospital Provincial “para mellorar a asistencia sanitaria na área de Pontevedra, dedicando o seu espazo actual a usos sanitarios non hospitalarios”. Tampouco quixeron, dixo, comprometerse coa creación de a lo menos dous equipos definitivos de Valoración da Discapacidade e o acondicionamento do local que están a utilizar.
A responsable socialista acusou ao PP de darlle amparo á negativa do goberno galego a cumprir coas súas obrigas e asumir as actuacións para a conservación do Pazo de Lourizán. Vilán lembra que a memoria elaborada polo Servizo de Arquitectura da Deputación de Pontevedra sinala que o Pazo “cáese” e que o convenio asinado entre o ente provincial e o goberno galego o 22 de xaneiro de 1991 e ratificado en 2000 pon “negro sobre branco” o compromiso do Executivo autonómico.
A parlamentaria socialista reclamaba tamén a execución da Variante de Alba, unha estación intermodal que una ás actuais de autobuses e de tren, desbotando o “paso a nivel” entre ambas e salvando así a rúa de dobre sentido e o semáforo que existen na actualidade. Tamén demandou un pavillón para o barrio de A Parda e un plan de transporte metropolitano e urbano para a cidade.
Patricia Vilán presentou a solicitude dunha nova residencia da terceira idade “totalmente pública en canto á súa construción e xestión”, así como a rexeneración da Ría de Pontevedra, incluíndo a construción da Edar de Os Praceres e a dragaxe do fondo da Ría.
En materia de Política Social, reclamaba a solución dos problemas do Punto de Encontro Familiar, cambiando a ubicación e incrementando a dotación de persoal, así como a reforma e a contratación de máis traballadores para a Residencia de Maiores de Campolongo e do centro de menores Avelino Montero.