O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, lamentou hoxe o veto do PP a unha moción socialista para incrementar en 80 prazas os fisioterapeutas da sanidade pública nun prazo de 3 anos. O responsable socialista criticou que mentres o conselleiro de Sanidade “anuncia que vai convocar prazas” sen explicar nin cando, nin cantas, nin como, o PP vota en contra no Parlamento “por impedimento moral”.
Torrado explicou que actualmente hai 159 prazas de fisioterapeuta no Sergas, e reivindicou un incremento “razoable” do 50 por cento, un total de 80 prazas, nun prazo de 3 anos. Lembrou que a ratio de fisioterapeutas de Galicia -1 por cada 17.000 habitantes- está 6 veces por debaixo do recomendado pola OMS -1 por cada 3.000-, con situacións puntuais como a de Vigo, con 1 fisioterapeuta para 24.000 habitantes.
O parlamentario socialista lembrou que o goberno galego convocara 54 prazas en 2009, baixo a presidencia do socialista Emilio Pérez Touriño, e tiveron que pasar seis anos ata unha nova convocatoria, cando en 2015 Feijóo contratou 11 profesionais máis. Dende entón non houbo máis prazas novas ata as 71 que anunciou a Xunta para 2019, que “o número de interinos é moito maior, co que como moito van estabilizar contratos e non existirán novas prazas”.
Ademais, os socialistas galegos reclamaron a ampliación das funcións para os profesionais da Fisioterapia, “aproveitando a súa formación e as súas competencias que permitan diversificar a asistencia á cidadanía a través da multidisciplinariedade na Atención Primaria”.
Sinalou que o goberno galego ten “colapsado e paralizado” o traballo destes equipos, sepultados baixo cuestións burocráticas desaproveitando a “capacidade amplísima relacionada con mobilidade e musculoesqueléticas”.
Finalmente, reivindicou a publicación, nun prazo de 2 meses, da Guía que Fisioterapia que o goberno galego lle pediu ao Colexio Oficial en 2017 para publicar en 2018, pero que “desapareceu da axenda” e a día de hoxe “ninguén do goberno galego sabe onde está”. Criticou que teñan este documento parado durante ano e medio e “agora falan da necesidade dun novo modelo”.