A portavoz de Cultura do Grupo Socialista, Concepción Burgo, denunciou hoxe a “falla de vontade política” do goberno galego para resolver a situación do Centro Dramático Galego –CDG- logo de 10 anos nos que reduciu o seu orzamento á metade. Burgo presentou unha moción para reclamarlle á Xunta “diálogo” co sector das artes escénicas, que foi rexeitada polo PP.
A responsable socialista responsabilizou á Xunta do “esmorecemento e empobrecemento” do ente provocada por unha xestión dirixida a provocar a “estrema debilidade” do sector ata o punto de que sexa incapaz de cumprir coa función de impulsar o teatro galego. O CDG atópase “sumido na improvisación e no desleixo” logo de dez anos sen unha política de impulso ao sector das artes escénicas, e que “incomprensiblemente” fica excluído da estratexia da cultura galega do Executivo.
Burgo reivindicou o papel do CDG como “gran impulsor do teatro en lingua galega”, cun papel fundamental na normalización da lingua e peza clave para poñer en marcha proxectos que resultan inviables da man de compañías privadas de pouco capital e que “non poden facer producións de gran formato”.
Os socialistas esixíronlle ao goberno galego unha mesa de diálogo cos representantes das artes escénicas para tratar a estrutura xurídica e os orzamentos do CDG, así como as súas relacións coas compañías privadas, a consolidación do Consello Asesor, as distribucións das producións, o incremento de producións propias e os procesos de selección de elencos.