A portavoz de Emprego do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez, lamentou hoxe o voto en contra do PP á moción presentada polo PSdeG para obrigar á Xunta a executar os orzamentos dos que dispón para as políticas de emprego. Rodríguez lembrou que o goberno galego deixou sen gastar un total de 1.540 millóns de euros destinados a emprego nos orzamentos autonómicos dende 2009.
A responsable socialista reclamoulle ao goberno galego que se comprometa a “gastar os créditos vixentes destinados ás políticas de emprego ofertándolles ás persoas demandantes de emprego as actuacións de mellora da empregabilidade acordadas no seu itinerario de inserción”.
Ademais, reclamoulle ao goberno galego que empregue os fondos non gastados para encetar un plan de formación en competencias clave para as persoas que o necesiten, así como poñer en marcha un plan mixto de adquisición de experiencia e formación en competencias clave para a lo menos 10.000 persoas paradas que non perciban prestacións.
Rodríguez Dacosta reclamaba hoxe ademais a reforma do Servizo Público de Emprego logo de constatar o seu funcionamento “ineficaz” que provocou o incumprimento sistemático dos seus obxectivos para a colocación de demandantes de emprego e mellora da empregabilidade. Lembrou neste sentido que no primeiro trimestre do ano o SPEG só foi quen de xestionar o 2,4 por cento das colocacións de traballadores, un total de 163.
A responsable socialista reclamoulle ao goberno galego que estableza procedementos de captación de ofertas que permitan ao Servizo Público de Emprego de Galicia a acadar neste mesmo ano un nivel de colocacións equivalente á media do Estado. Reclama o impulso do servizo para que Galicia se sitúe no próximo ano “entre a media das cinco comunidades que teñen un maior volume de ofertas en relación coas colocacións”.
Ademais, propuxo que a Xunta recupere e regule os órganos consultivos dos pactos territoriais de emprego “que se constitúen como elemento clave tanto no funcionamento do Servizo Público de Emprego como na planificación e avaliación das políticas de emprego”.
Tamén lle reclamou á Xunta de Galicia que estableza procedementos de clasificación dos demandantes e de xestión de ofertas “nas que as persoas paradas non se sintan reféns fronte ás empresas” que cambian as condicións laborais reais fronte ás que rexistran na Oficina de Emprego.
Rodríguez acusou ao goberno galego de agochar os datos reais de desemprego de Galicia con “medias verdades”, ao presumir de que Galicia é a Comunidade Autónoma na que mais baixou o paro en abril. Acusou ao goberno galego de “idear trampas antes de solucionar o problema do emprego”, agochando que Galicia en realidade é a segunda autonomía na que máis medra o paro en 3 dos 4 meses de 2021.