O deputado socialista Juan Díaz Villoslada criticou o veto do PP a unha proposta socialista para reclamarlle á Xunta que cumpra co convenio coa Orquestra Sinfónica de Galicia –OSG-, que lle obriga a destinar un mínimo de 3 millóns de euros anuais para os eu financiamento. O responsable socialista presentou unha proposición non de Lei neste sentido na Comisión de Cultura do Parlamento que foi rexeitada polo PP.
Díaz Villoslada explicou que a Orquestra Sinfónica de Galicia recibirá en 2019 379.000 euros menos dos que lle corresponden de acordo co convenio asinado en decembro de 2004 e complementado en 2005. A minoración do financiamento procedente do goberno galego acumula xa unha redución de 5,1 millóns de euros dende 2011, cuns recortes constantes pero especialmente acentuados en 2013 e 2016, cando coincidían o PP en Coruña e San Caetano.
Acusou ao goberno galego de deixar que sexa a Cidade da Cultura quen “fagocite” todo o orzamento destinado á cultura, deixando inanes outras iniciativas como a propia Orquestra Sinfónica, e malogrando todo o camiño recorrido sinaladamente no seu papel didáctico e o prestixio acadado pola súa actual dirección a cargo de Víctor Pablo Pérez.
Explicou que como consecuencia “caéronse programas como o Festival Mozart por falta de financiamento”, e advertiu que “os abonados están respondendo e aínda hai mecenas que continúan co seu compromiso, pero outros non e algúns pódense caer” e abandonar a iniciativa.
Considera “incomprensible” que o PP se teña negado hoxe a apoiar esta proposta que instaba á Xunta a “dar cumprimento aos seus compromisos de financiamento do Consorcio para a promoción da Música”, o encargado de xestionar a OSG dende a súa constitución en 1991 da man do Concello de A Coruña e a asociación Amigos da Ópera.