O PPdeG rexeitou este martes unha iniciativa impulsada dende o Grupo Parlamentario do PSdeG para a posta en marcha dunha comisión parlamentaria de seguimento da covid na que se planificase “coa participación de todos os partidos políticos”, os mecanismos e protocolos para facer fronte á pandemia. O voceiro socialista de sanidade, Julio Torrado, lamentou “a falta de responsabilidade e espírito de cooperación” dos populares.
O deputado socialista defendeu no pleno celebrado este martes a “necesidade de coordinar”, no seo dunha comisión parlamentaria, “as estratexias e decisións a medio e longo prazo para a loita contra a covid”. Nesta situación “excepcional e de emerxencia”, Torrado lamentou a negativa do PP a favorecer esta comisión e cualificou de “incomprensible que non asuma que estamos nunha situación extraordinaria que precisa de medidas extraordinarias”.
Para o parlamentario socialista, “á vista dos problemas e a confusión” que marcan a xestión nestes meses da pandemia por parte da Xunta de Galicia, “sería preciso coordinar e establecer protocolos unificados en todas as áreas sanitarias”, sinalou Torrado. En concreto, o socialista aludiu a problemas como os protagonizados arredor da realización e notificación de resultados de probas PCR nas últimas semanas, “hai persoas que están sendo notificadas como negativas e nin sequera fixeron a proba”, advertiu.
O deputado explicou que, outra das “deficiencias” a corrixir coa posta en marcha desta comisión de seguimento sería “a falta de transparencia e información”. Para o PSdeG, “non é de recibo” que en Galicia “non se informe dos novos contaxios diarios”, e se limiten dende Sanidade a trasladar “unicamente o número de casos activos”, lamentou Torrado.
Ao fío disto, Torrado censurou que Galicia sexa ademais unha das comunidades “que non ofrece información sobre o número real de rastrexadores” para realizar o seguemento das distintas repuntas de casos covid, ou que “tampouco achegue a información” da segunda fase do estudio epidemiolóxico realizado no mes de maio.
MAN TENDIDA
Fronte a isto, Torrado insistiu “na man tendida” do PSdeG para traballar “na planificación da mellor resposta” fronte a covid. “Ademais do día a día hai estratexias que deben planificar os vindeiros dez e vinte anos”, explicou Torrado, e neste sentido, “reforzar os recursos humanos cunha dotación de profesionais a futuro” debería de ser “unha das prioridades”. Nestes momentos en cambio, “non só non se está a reforzar o persoal sanitario, senón que non se atende a prioridade elemental que é a atención primaria”, advertiu.
O deputado socialista, lembrou que o PSdeG vén defendendo a necesidade de establecer tres comisións no Parlamento galego enfocadas a dar resposta a pandemia da covid: a comisión de reconstrución social e económica, a comisión de investigación sobre o acontecido nas residencias e esta comisión de seguimento da Covid que este martes foi “tristemente” rexeita polo PPdeG.