O portavoz socialista de Turismo, José Manuel Pérez Seco, presentou na Comisión de Turismo celebrada hoxe no Parlamento unha proposición non de lei para reclamarlle á Xunta “un estudo socioeconómico sobre o impacto dos aloxamentos vacacionais nos demais sectores en Galicia e mediante o cal poderemos modificar, adaptar ou reconducir as liñas deste tipo de aloxamentos”. A proposta foi vetada polo PP.
O representante socialista advertiu que “un estudo sobre o impacto económico dos aloxamentos vacacionais en Galicia suporía unha axuda para todas as Administracións Galegas, asociacións e profesionais do sector”. Sinalou que isto suporía unha vantaxe na toma de decisións, “ao poder obter información cuantitativa e cualitativa da produción e do emprego que serviría para identificar os retos e oportunidades dos sectores que xiran ó redor do turismo”.
Pérez seco sinalou que este estudo “debe de contar coa opinión dos sectores afectados directa e indirectamente, así como as zonas máis afectadas polos aloxamentos vacacionais”. Lembrou que “coñecer tamén as necesidades dos peregrinos, turistas e visitantes que se achegan a Galicia suporía unha fonte de recursos para moitas familias, non só do sector servizos”.
Advertiu que a oferta de vivenda turística en Galicia “é unha nova demanda que non supón unha incompatibilidade coas ofertas tradicionais, xa que estas están a consolidar unha clientela que busca comodidade sen demasiadas restricións”. Sinalou que “en Galicia temos o redor de 8.500 vivendas de uso turístico, polo que supón unha parte moi importante do sector turismo que debemos saber mantelo e actualizalo” .
O deputado socialista amosou a súa intención de mellorar “un sector que en Galicia supón o 11 por cento do noso PIB e xera o 12 por cento do emprego da nosa economía”. Ofrecer un turismo de maior calidade e coñecer a súa situación a través do estudo socioeconómico “permitiría coñecer as posibilidades e oportunidades para poder melloralo, preservalo e facelo máis sostible”.