O portavoz de Agricultura do grupo socialista, Raúl Fernández, presentou esta mañá na comisión de agricultura unha proposición non de lei para a mellora da actual lexislación en materia de ataques de lobos. A iniciativa socialista, que foi vetada polo PP, prevía a creación de partidas orzamentarias para a prevención de danos e a formación en ataques de lobo.
O parlamentario socialista explicou que a medida busca dar resposta a unha realidade na que “os ataques de lobo aumentan diariamente”. Explicou que “so existe unha explicación, o abandono do rural” motivo polo que o lobo “foi expandindo o seu hábitat” ata o punto que hoxe en día ocupa o 72% do territorio, sendo os datos mais elevados en Lugo e Ourense.
O representante socialista sostivo por tanto a necesidade de crear partidas orzamentarias concretas para prever os danos causados polo lobo, as cales incluían a adquisición de mastín ou peches fixos con malla entre outros. Ademais defendeu a necesidade de aumentar as partidas para a divulgación , o asesoramento e a investigación relacionada coa materia.
Fernández Fernández defendeu unha proposta na que se incluía a participación dos actores implicados na redacción do texto lexislativo que neste caso serían o sector gandeiro e as asociacións que promoven a convivencia entre a fauna salvaxe e a actividade humana.