Critica que Feijóo “prefira poñer paus nas rodas da reforma laboral, a actualización das pensións, a Lei de Vivenda ou os fondos europeos”
O secretario xeral dos socialista galegos, Valentín González Formoso, reivindicou hoxe a “o PSdeG que quere ilusionar a Galicia” a base de “paixón e traballo”, apelando a un país “en positivo que nos agarda dende hai moito tempo”. González Formoso interveu na clausura do IV Congreso dos socialistas de Lugo, no que tamén interveu o novo secretario provincial, José Tomé.
O responsable socialista chamou aos socialistas galegos a “ilusionar a este país, reactivalo” e demostrar que “somos capaces de darlle un impulso á sociedade galega e que somos merecedores da confianza dos galegos e das galegas”. Apuntou a unha Galicia, dixo, “que non ten dono, que non pertence a ningunha forza política, que é libre e solidaria e non quere volver ao retroceso da dereita nin a un nacionalismo trasnoitado que quere impoñer fronteiras ideolóxicas”.
Apuntou que Galicia “nos agarda, como agardou Portugal, Alemaña e cada vez máis países en toda a UE” nos que volveu gobernar a socialdemocracia coa “honestidade de seguir sendo fieis á nosa orixe e ao obxectivo de gobernar para a xente máis débil”. Defendeu que “nunca un xubilado teña que dubidar de ter a súa pensión, e nunca unha nai ou pai teña que temer polo futuro dos seus fillos e se terán que ir emigrados”.
González Formoso situouse hoxe enfronte dun Feijóo que ten demostrado que “non é digno de gobernar Galicia”, logo de “ter a desfachatez de insultar aos galegos e galegas” aos que deixou de representar para “escoller o papel de ser o representante da oposición ao Estado”. Criticou que teña renunciado a impulsar Galicia por “facerlle as gracias e incorporarse ao mundo escuro e destrutivo de Mañuecos, Ayusos, Egeas e Casados”.
Apelou á situación do PP de Madrid, logo de que a presidenta do PP denunciara que “está sufrindo acoso persoal dende hai 6 meses por parte do seu propio partido”. “Imaxinade o que pode estar sufrindo unha persoa logo de 6 anos de persecución do PP só porque quixo optar a ser presidente deste país”, en alusión a Gómez Besteiro e tamén ao ex alcalde de Lugo López Orozco e o ex alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez.
Mentres, Feijóo decide “poñer paus nas rodas” e rexeitar a reforma laboral, a actualización do modelo de pensións, ou anunciar que non aplicará a Lei de Vivenda e denuncia o bono alugueiro pensados para garantir o acceso á vivenda dos máis novos. Está do lado, dixo, dos que “van a Europa a pedir que non nos entreguen os fondos de recuperación, facéndolle dano non aos socialistas, senón ás persoas que necesitan deses recursos e que dependen de que a súa empresa reciba fondos para manter o traballo.
Lugo
O líder dos socialistas galegos puxo Lugo como exemplo da xestión dun PSdeG, que “inunda as institucións con ansias e anhelos de cambio”, e que conta cunha Deputación provincial que ten sido a primeira institución en incorporar as cláusulas sociais ás licitacións públicas e segue ¨”obsesionada con asistir e protexer aos concellos con menos recursos a través do Plan Único”.
Dunha provincia e unha capital, Lugo, que, encabezada pola alcaldesa Lara Méndez, “revolucionou o modelo de cidade preservando o patrimonio e converténdoa nunha das cidades máis fermosas de Galicia. Que hoxe, engadiu, “incorpórase ao gran acordo verde europeo, cun claro protagonismo que busca no mundo sostible” e coa alcaldesa “máis proactiva na defensa do talento e dos emprendedores de todo o Estado español”.