O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Valentín González Formoso, inaugurou hoxe a nova etapa no Grupo Parlamentario Socialista coa “obsesión única de facer política con altura de miras, propositiva” e asumindo a “obriga de ser un instrumento útil á cidadanía”. Así o dixo logo de participar na primeira reunión do Grupo Parlamentario logo da designación de Luis Álvarez como novo portavoz parlamentario pola Executiva do PSdeG este sábado.
O líder dos socialistas de Galicia emprazou a “vir de casa cos deberes feitos para dedicar o cen por cen do noso tempo a construír un proxecto socialdemócrata para Galicia” e que o Grupo Parlamentario funcione como “correa de transmisión coa dirección do partido e as inquedanzas da cidadanía galega. Confirmou que “tódolos compañeiros e compañeiras do Grupo Parlamentario terán unha función importante” no novo reparto de tarefas.
Valentín González Formoso sinalou que o novo tempo comezará xa dende a primeira sesión de control ao presidente da Xunta sobre a “polémica artificial” do reparto de 9 millóns de euros do Estado.
Lamentou neste sentido que o presidente da Xunta teña escollido facerlle seguidismo á política de confrontación da presidenta de Madrid sobre a xestión dos fondos procedentes do FSE para uns proxectos piloto en materia de reequilibro e equidade cando o ano pasado recibiu 216 millóns de euros polo mesmo concepto.
Luis Álvarez
O novo portavoz do Grupo Parlamentario, Luis Álvarez, sinalou que o traballo do Grupo Parlamentario comezará fiscalizando o destino dos fondos estatais transferidos á Xunta de Galicia, logo de constatar “indicios e certezas” de que “a xestión é bastante mellorable cando non manifestamente mala” por parte dun goberno que se presenta “como o mellor xestor”.
Álvarez comezou a súa intervención agradecendo a confianza de González Formoso e a dirección do partido para nomealo como novo portavoz parlamentario, unha tarefa que asume co obxectivo de “mellorar a vida dos galegos e das galegas”. Para iso, dixo, resulta fundamental cun Grupo Parlamentario “perfectamente engraxado e coordinado co partido”, e confirmou a “lealdade, traballo e dedicación de tódolos parlamentarios e parlamentarias”.
Subliñou que “o importante será que iniciativa traslada o Grupo Parlamentario Socialista, e non que persoa é a que a traslada, un Grupo no que o importante é o que facemos e non quen o facemos”. A nova dirección do Grupo Parlamentario, sinalaron, aumentará ata os 7 integrantes, e as novas áreas de traballo de cada deputado e deputada será fixada nunha futura xuntanza.