O portavoz da Executiva do PSdeG advertiu de que Rueda ten unha única obsesión: atacar ao PSdeG, en lugar de gobernar Galicia. “É triste ver que a única acción política de Rueda é discutir con quen pon argumentos enriba da mesa”
O portavoz do PSdeG tamén puxo o foco sobre a designación das sedes para o Mundial 2030: “Galicia ten dúas sedes fabulosas, pero Louzán chanchullou para tentar quitar unha… e Rueda cala, porque tamén está atado”, criticou
O portavoz da Executiva Nacional do PSdeG, Julio Torrado, realizou esta mañá unha valoración da actualidade política da semana, cunha mensaxe clara: “Temos un presidente da Xunta atado, atrapado, sen capacidade para gobernar nin para dar explicacións á cidadanía”.
Torrado advertiu de que Alfonso Rueda “ten unha única obsesión: atacar ao PSdeG, en lugar de gobernar Galicia”. “É triste ver que a única acción política de Rueda é discutir con quen pon argumentos enriba da mesa”, sinalou, lamentando que “non é quen de debater, porque está atado polas súas propias decisións e polas súas propias amizades”.
Altri: o “proxecto mentira” que Rueda fixo seu
O portavoz socialista foi especialmente crítico co papel do presidente da Xunta respecto ao proxecto de Altri, que cualificou de “gran mentira” e “proxecto fallido” ao que Rueda deu “un aval político e case persoal”.
“O señor Rueda converteuse no home para todo de Altri, no que lle fai o traballo sucio á empresa”, advertiu, lembrando que “non entra a discutir a viabilidade, o impacto, o financiamento ou o emprego. Só ataca ao PSdeG porque non pode dar respostas”.
Torrado ironizou incluso co paralelismo co caso Pemex: “Diría que fixo de Altri o seu gran barco… pero iso lembra demasiado ao caso Pemex que xa sabemos en que acabou”.
Mundial 2030: “Galicia merece dúas sedes e Louzán quere birlar unha”
O portavoz do PSdeG tamén puxo o foco sobre a designación das sedes para o Mundial 2030: “Galicia ten dúas sedes fabulosas, pero Louzán chanchullou para tentar quitar unha… e Rueda cala, porque tamén está atado”, criticou.
“Se isto tivese algo que ver co Goberno central, Rueda estaría en pé de guerra”, asegurou Torrado, “pero como é un chanchullo de Louzán, e con Diego Calvo soltando frases inadmisibles, o presidente non di nada, non pide dimisións, non rectifica”.
En materia sanitaria, o PSdeG denuncia a inacción do conselleiro de Sanidade, ao que acusa de “estar aínda estudando” mentres a cidadanía sofre demoras, listas de espera, e colapsos na atención primaria e na saúde mental.
“Dicía que ía arranxalo todo nunha tarde, e agora o único que fai é repetir medidas antigas, ampliar as listas de espera e maltratar aos profesionais MIR”, censurou Torrado. “Contrátaos como médicos de pleno rendemento pero págalles como estudantes. É un parche, e un insulto para eles e para a cidadanía”, engadiu.
Transparencia, descontos e política útil
Fronte a esta parálise do Goberno galego, Torrado reivindicou a “política útil e sensata” do PSdeG. Anunciou que o grupo socialista rexistrará no Parlamento propostas para garantir a transparencia nos proxectos industriais estratéxicos: “Non pode volver pasar que se declare estratéxico algo sen pasar pola Cámara galega. Esiximos información e control democrático”.
Tamén puxo en valor os descontos na AP-53 aprobados esta semana: “Autovías das que ninguén falaba, que só o PSdeG defendeu, e agora teñen un 75% de bonificación grazas ao noso traballo. Camiñamos cara á gratuidade, cumprimos o que prometemos”.
En resposta ás preguntas dos medios, Torrado referiuse á inclusión do proxecto de Beariz dentro da estratexia europea sobre materias primas críticas, asegurando que o PSdeG “avaliará con rigor técnico e político a proposta, escoitando aos axentes implicados e atendendo á información dispoñible”.
“Nós non temos apriorismos”, indicou, “e sempre analizamos os proxectos industriais desde a viabilidade, a sustentabilidade e o impacto real sobre o territorio e as persoas”. Nese sentido, recoñeceu que “a posición da UE está baseada na necesidade de regular con máis rigor o sector mineiro, e compartimos esa vontade de que os proxectos se implanten cumprindo todos os requisitos”.
Queremos diálogo, transparencia e garantías
Torrado insistiu en que “miraremos con atención os informes, queremos diálogo, transparencia e garantías, pero Galicia debe estar presente no mapa industrial europeo, sempre que sexa cun modelo respectuoso, útil e sustentable”.En resposta ás preguntas dos medios, Torrado abordou a designación de Beariz como proxecto estratéxico europeo. Subliñou que o PSdeG está “en disposición de avaliar sen apriorismos, como sempre fixemos, e con toda a vontade de ser rigorosos”.
Sobre a posible financiación pública ao proxecto de Altri, deixou clara a posición socialista: “Rueda di unha cousa, o ministro Hereu fala con respecto ao procedemento. Pero a valoración política do PSdeG é clara: Altri non merece un só euro de financiamento público”.
Tamén se referiu ao proceso orgánico en marcha nas provincias, destacando a normalidade democrática: “No PSdeG eliximos aos nosos líderes votando. Outros partidos, tristemente, seguen co dedazo. Nós respectamos á militancia e celebramos a democracia real”.