Esixe mellores condicións laborais para os profesionais: “é unha falta de respecto que o goberno galego diga que teñen condicións dignas cando lles fan contratos de 9 meses”
A parlamentaria socialista Paloma Castro cualificou hoxe de “tomadura de pelo ás familias” que o PP vote en contra de garantir un servizo de logopedia axeitado na área sanitaria de Pontevedra – O Salnés. Criticou que o PP presuma de que as familias teñen un tratamento “regular e prolongado” cando están a cambiar de profesional a nenos pequenos cada mes e vense obrigados a pagar un mínimo de 250 euros para complementar a atención con consultas privadas.
A responsable socialista citou varios casos de nais da Plataforma Loita -que agrupa a máis de 100 familias en toda Galicia- que teñen que tratar aos nenos e nenas apenas “media hora cada dúas semanas”. Advertiu que esta atención resulta totalmente insuficiente, cando se trata de nenos pequenos que teñen que cambiar constantemente de terapeuta, obrigándoos a empezar cada vez de cero.
Dixo que o PP está a “faltarlle ao respecto” aos profesionais logopedas presumindo de condicións dignas cando estes traballadores especializados teñen que asumir contratos precarios cada nove meses. A responsable socialista reclamou un servizo de calidade, que pare coa rotación excesiva de terapeutas, o que afecta á súa continuidade e estabilidade, e incrementar os recursos para garantir tratamentos suficientes e continuados.
Castro reclamoulle ao goberno galego que asuma o Plan de rescate do servizo que se comprometeu a cumprir co Colexio de Logopedas de Galicia. Ironizou neste sentido con se o conselleiro seguirá o tempo suficiente no seu posto como para levar adiante este Plan, logo da “chabacanería” coa que onte dixo que as persoas maiores manexaban a aplicación do Sergas “que te cagas (sic)”
A parlamentaria socialista reclamoulle ao goberno galego o reforzo dos logopedas, xa que actualmente só hai 37 profesionais desta especialidade na sanidade pública, e segundo o Colexio de Logopedas de Galicia precisaría de 100 máis para garantir unha atención “minimamente eficaz” e pasar de contar con 1 logopeda por cada 72.000 habitantes ao mínimo recomendado de 1 por cada 60.000 persoas.