O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, reclamou hoxe a comparecencia do conselleiro de Sanidade no Pleno do Parlamento para dar conta do deterioro asistencial na sanidade pública. Os socialistas presentaron hoxe unha solicitude de comparecencia conxunta cos grupos de En Marea e BNG para dar conta da conflitividade laboral na sanidade que ten derivado na dimisión, onte, de 20 xefes de servizo de Atención Primaria de Vigo.
O responsable socialista responsabilizou hoxe ao goberno galego da falla de médicos e dos problemas na xestión sanitaria, persoalizados na renuncia en bloque dos profesionais da área sanitaria de Vigo.
“Vostedes son culpables das súas propias escusas sobre atención primaria e sobre o sistema sanitario”, resumiu logo de explicar que “largaron aos médicos porque os apertaron coma nunca, e agora resulta que non hai médicos”. Sinalou que “así teñen folga nos PACs, no servizo de Urxencias do Hospital de Santiago” ou a dimisión dos responsables sanitarios en Vigo.
Fibromialxia
O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, urxiu hoxe ao goberno galego a recuperar os investimentos destinados á investigación sanitaria, que Feijóo ten situado “baixo mínimos” ao recortalos un 5 por cento nos orzamentos para 2019. No debate dunha pregunta oral en Comisión, alertou do escaso interese do Executivo polas pacientes de fibromialxia, a síndrome de fatiga crónica –SFC- ou encefalomielite miálxica e a sensibilidade química múltiple.
O responsable socialista advertiu que “sen investigación, non avanzamos” mentres “as pacientes seguen sufrindo as consecuencias, peregrinando por servizos e polo sistema e non se senten protexidas polo Sergas”. Sinalou que a Consellería de Sanidade tan só destina o 0,06 por cento do seu orzamento para investigación mentres o PP “permitiuse a licencia de rexeitar as emendas socialistas nas que pediamos subir un 200 por cento estas partidas”.
Explicou que esta iniciativa chega hoxe ao Parlamento pola solicitude dos pacientes, que “non perciben ningún avance” a pesares de que o PP rexeitara unha proposta socialista para pedir un plan de atención ás enfermas de fibromialxia escusándose en que “xa estaban a traballar”. Advertiu que as persoas con estas doenzas, maioritariamente mulleres, teñen que enfrontarse a unhas patoloxías incapacitantes, de difícil diagnose e con graves dificultades no seu tratamento.
Sinalou que “os profesionais son boísimos, pero non poden saber de todo en todas as situacións”, polo que “é preciso maior volume de información e formación”. Denunciou o “abandono” destes profesionais por parte do Sergas, que obvia que “non poden facerse cargo unilateralmente de toda a formación continuada, e da continua e necesaria actualización que precisa a súa labor”.