Acusa ao goberno galego de deixar a centos de persoas á espera de valoración da Dependencia “por tempo indeterminado” mentres deixa sen informar a un de cada tres solicitantes
A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Silvia Longueira, reclamoulle hoxe á Xunta que “deixe de botar balóns fóra” sinalando aos concellos e ao goberno central e comece a regularizar as listas de espera da Dependencia. Longueira presentou unha pregunta oral na Comisión de Política Social na que alertou de que as listas de espera “seguen a aumentar” mentres o goberno galego é “incapaz” de tomar medidas eficaces.
A responsable socialista advertiu que a unificación dos informes médico e social demostrouse “claramente insuficiente” porque “seguimos incrementando a listaxe de espera” por unha burocracia que “aínda que necesaria, é un factor que impide achegar as prestacións aos usuarios”. Advertiu que un de cada tres posibles solicitantes do dereito á Dependencia “non están informados ou están deficitariamente informados para poder acadar o recurso”.
A parlamentaria socialista criticou que o goberno galego “siga a falar de decretos e futuros investimentos pero en realidade non teñen ningunha planificación para o futuro de Galicia” a pesares da taxa de envellecemento. Ademais, lembrou que a día de hoxe continúan sen ter convocada á Comisión de Discapacidade do Parlamento.
Longueira criticou que o goberno galego non teña tomado medidas logo do informe da Valedora do Pobo do ano 2022 alertando de que o goberno galego mantén aos demandantes á espera dunha praza “por tempo indeterminado”, chegando a falecer sen ter recibido atención.
Advertiu que o servizo recoñecido no Plan Individual de Atención -PIA- é un dereito subxectivo que “debe ser cumprido”, segundo a Alta Comisionada, que urxe medidas precisas para que as prazas sexan efectivas.