Alerta do alto índice de conflitividade provocado pola decisión de Política Social de ingresar residentes dependentes con problemas psiquiátricos sen persoal cualificado para ser atendidos
A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Silvia Longueira, advertiu hoxe que a falta de persoal e de medios materiais na residencia pública de Oleiros está a derivar nunha situación “insostible” que deriva na inseguridade dos residentes. Longueira presentou unha pregunta oral na Comisión de Política Social polo desleixo da Consellería de Política Social diante do deterioro “máis que evidente” do centro.
A responsable socialista resumiu que “o persoal está sobrepasado de tarefas, ao tempo que denuncian a inseguridade que están a vivir os grandes dependentes que se atopan ingresados”. Explicou que o centro, que atende a 240 persoas ingresadas, só conta cun único auxiliar de enfermaría para atender a 44 grandes dependentes durante a quenda de noite, o que deriva nun servizo “moi deficitario” pola incapacidade material que atender aos residentes en condicións.
Sinala que a sobre carga de tarefas do persoal técnico foi a peor ao incrementar os ingresos sen aumentar ao persoal necesario para a asistencia diaria, mesmo cando hai dependentes con problemas psiquiátricos diagnosticados cando o centro non conta de persoal cualificado para atendelos. Isto provoca un alto índice de conflitividade, e deriva nunha situación de estrés laboral inasumible.
Ademais da situación límite do persoal, Longueira advertiu do “deterioro evidente do material de suspensión ou mobilidade”, incluídas as grúas que deberan facilitar o aseo das persoas residentes, cableado por debaixo das camas, mantas forrando as instalacións, pingueiras e humidades e trozos de cornixas no xardín exterior, polo que pasean os xabarís de xeito cotiá.
A parlamentaria socialista esíxelle ao goberno galego que atenda ás reclamacións que vén trasladando o Comité de Empresa dende hai tempo e que ata o momento non derivaron en mellora algunha na xestión dun centro que se atopa ao límite da súa capacidade.