Alerta de que Galicia é a cuarta autonomía con menos prazas residenciais e esixe un modelo de residencias públicas de calidade
A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Silvia Longueira, denunciou hoxe que o goberno galego continúe sen presentar un modelo de atención residencial para persoas maiores. Longueira presentou unha pregunta oral na Comisión de Sanidade do Parlamento para esixirlle ao goberno galego que presente o seu proxecto pero, lamentou, “sigo sen saber o que vai pasar”.
A responsable socialista advertiu que os maiores galegos están a afrontar listas de espera “inasumibles” por que o desleixo do goberno galego ten provocado que Galicia sexa a cuarta Comunidade Autónoma do Estado con menos prazas de residencias para maiores. Advertiu que a “mala praxe” do goberno galego provoca “listas ateigadas” e advirte que logo de poñer sobre a mesa novas residencias nas 7 cidades, resulta que derivou o compromiso na Fundación Amancio Ortega.
Advertiu que a iniciativa privada non pode ser a resposta única do goberno galego cando en Galicia hai 700.000 persoas de máis de 65 anos, o 26 por cento de toda a poboación, pero só hai prazas para o 2,84 por cento da poboación, moi lonxe da ratio recomendada do 5 por cento. Ademais, explicou que só o 14 por cento das 22.000 prazas en residencias son de xestión pública.
Denunciou a falla de planificación do goberno galego, que deixa sen resposta aos milleiros de persoas maiores que precisan de coidados, e que se están a concentrar os primeiros luns de cada mes para reclamar unha atención de calidade para os nosos maiores. Acusou ao goberno galego de “perpetuarse no erro” deixando sen gastar as achegas enviadas no plan de Emerxencia dende o goberno central mentres as esperas se eternizan.
Esixiulle ao goberno galego que explique se as persoas maiores teñen que se desprazar a un “macrohotel de 200 prazas” lonxe da súa residencia ou van abrir a posibilidade de que sexan atendidos en “pequenos centros na área de influenza das cidades”. Resumiu que “queremos saber se podemos contar cun modelo que non sexa unha cousa salomónica: eu non quero ir onde haxa máis de 100 camas ou 150, non queremos vivir nun macrohotel”.