A deputada socialista sinalou que o texto do PP é “un ataque á democracia, á liberdade de información e á identidade galega”
Entre os aspectos máis graves, Longueira salientou a eliminación do Estatuto Profesional e do Consello de Informativos, substituíndoos por un “Consello Asesor” controlado por cargos políticos
A deputada socialista Silvia Longueira cargou hoxe no Parlamento contra o proxecto de lei presentado polo Partido Popular sobre os medios públicos de comunicación audiovisual e defendeu a enmenda á totalidade “porque é un delirio de poder e control”. Durante a súa intervención, Longueira denunciou que esta lei, presentada como unha suposta modernización, é en realidade “unha ferramenta de control político absoluto, unha agresión á identidade galega e un golpe á liberdade de información”.
A deputada acusou ao PP de consolidar coa súa proposta un sistema de manipulación informativa que xa leva máis de quince anos degradando os medios públicos. Longueira asegurou que este proxecto de lei elimina calquera amparo á independencia profesional e destrúe a función pública da CRTVG.
Entre os aspectos máis graves do texto do PP, Longueira salientou a eliminación do Estatuto Profesional e do Consello de Informativos, substituíndoos por un “Consello Asesor” controlado por cargos políticos, o que elimina calquera garantía de pluralidade e independencia.
Tamén criticou a elección da dirección xeral por maioría absoluta, sen consenso e con opción a renovación indefinida, permitindo ao PP manter o control absoluto sobre os medios.
Outro dos moitos temas controvertidos do proxecto de Rueda é “a externalización masiva de contidos, en detrimento da produción propia, que pon en perigo os postos de traballo e destrúe o sector audiovisual galego”.
A deputada sinalou a marxinación da lingua e da cultura galegas na nova lei, contradicindo a obriga de promover contidos en galego e ignorando as directrices europeas de liberdade de medios.
Desprezo pola cultura galega e polos profesionais
Silvia Longueira lamentou a censura que a CRTVG exerce sobre eventos de relevancia cultural como a recente entrega dos Premios Feroz en Pontevedra, ignorados pola televisión e a radio públicas. “Que tipo de país decide silenciar aos seus propios talentos e desprezar a súa industria cultural? Só un país onde o goberno utiliza os medios como arma política contra a súa propia sociedade”, afirmou.
Tamén destacou o desprezo pola dignidade profesional dos traballadores da CRTVG, que levan máis de seis anos mobilizándose baixo o lema “Defende a Galega”, así como a destrución do arquivo audiovisual público, fundamental para preservar a memoria e a identidade galegas.
Silvia Longueira pechou a súa intervención cunha mensaxe clara: “Con este proxecto de lei, o Partido Popular dálle as costas á sociedade galega e aos seus profesionais, condenando á CRTVG a ser unha mera ferramenta de propaganda. Desde o Partido Socialista temos a mesma sensación que os nosos emigrantes cando fuxían da opresión e da miseria: anhelaban Galicia, pero detestaban a súa xestión”.
O Grupo Socialista reitera a súa firme oposición a este proxecto de lei e fai un chamamento á cidadanía para defender uns medios públicos libres, plurais e ao servizo da sociedade galega, e non ao servizo dun partido político.