Pide a retirada e reformulación completa do Proxecto de Lei da Cultura Inclusiva para conformar “unha Lei deste tempo que nos toca vivir, que contemple a inclusión da sociedade no seu conxunto”
A portavoz de Cultura do Grupo Socialista, Silvia Longueira, alertou hoxe de que Lei de Cultura Inclusiva da Xunta constitúe “unha serie de vaguidades soltas”, que nace de costas á participación social e carece de calendario de aplicación. Os socialistas galegos presentaron unha emenda de devolución á norma presentada polo goberno galego, que iniciou hoxe o trámite parlamentario sen o apoio do PSdeG.
Longueira reclamou unha nova norma reformulada por completo para facer “unha Lei deste tempo que nos toca vivir, que contemple a inclusión da sociedade no seu conxunto”, na que a accesibilidade participe do modo de entender á cultura e que este texto “nin tan sequera contempla”. Criticou que teñan á cultura inclusiva “como música de fondo, mentres se escorren polas mans os fondos europeos ou mesmo nin sequera son capaces de executar o propio Orzamento.
Criticou que esta norma “nin tan sequera foi presentada á Federación Galega de Veciños, que agrupa á maioría de asociacións veciñais de Galicia, e que carece de calendario de aplicación, que sería “o único modo de encadrar os obxectivos que andan diluídos e etéreos en todo o proxecto”.
Finalmente, criticou que a Xunta careza de Plan de Dereitos Culturais, e “nin tan sequera botan unha ollada ao Plan de Dereitos Culturais que está a elaborar o goberno central con total e aberta colaboración”, e que “nos abre posibilidade ás realidades da accesibilidade e a inclusión”.