Silvia Longueira sinala que a norma está deseñada “para seguir mantendo o control da información á medida do goberno”
Alerta de que o texto contravén á normativa estatal e autonómica para contratar altos cargos nas sociedades públicas e que esixe convocatoria pública e respecto aos principios de igualdade, mérito e capacidade
A portavoz de Cultura do Grupo Socialista, Silvia Longueira, alertou hoxe de que a Lei de medios audiovisuais de Galicia vai nacer “fracasada” e incapaz de reanimar a unha CRTVG “en paro cardíaco”. Así o dixo no debate en Comisión desta Lei á que os socialistas presentaron 39 emendas, das que aceptaron “unhas poucas modificacións insubstanciais” nun trámite que contou co único voto do PP, polo que quedou lista para o debate final no Pleno do Parlamento.
Longueira criticou unha norma deseñada “para seguir mantendo o control da información e unha construción da realidade á medida do goberno”, deixando de lado a pluralidade informativa, a protección da lingua e o respecto polo traballo dos profesionais da comunicación. Trasladou a súa preocupación pola “falla de independencia” xornalística que “circula por todo o articulado” dunha norma que “deixa nunha posición máis que dubidosa aos xornalistas e o persoal da compañía”.
Criticou que esta norma supón “un retroceso” coa norma en vigor, malia que a actual dirección nunca foi quen de aplicala na súa totalidade e nunca aprobou o estatuto profesional nin constituíu o consello de informativos que estaban previstos na norma actualmente en vigor e que desaparecen do novo texto. Lamentou que a norma substitúe estas figuras por un “consello asesor unidireccional que afasta da compañía á pluralidade e diversidade”.
A responsable socialista criticou que a norma fora elaborada á marxe do diálogo co Colexio de Xornalistas de Galicia e deixando á marxe mesmo á Mesa do Audiovisual. Resumiu que a norma carece de calidade democrática, falla dun órgano externo que “vixíe e sancione”, non ten un programa para a conservación do arquivo audiovisual, elude blindar á lingua e suprime os órganos que garanten a independencia e o cumprimento do código deontolóxico.
Longueira acusou ao PP de “despachar” o trámite parlamentario desta norma “en dúas reunións sen apenas espazo para a negociación”. Mentres, dixo, as denuncias por acoso laboral e mobbing na CRTVG se acumulan nos xulgados e a canle rexistra os peores resultados de audiencia da súa historia, cun desplome ata o 8,6 por cento de cota de pantalla, con caídas puntuais por debaixo do 8 por cento.
Proceso de contratación
A responsable socialista alertou de que a Lei contravén a normativa estatal que regula o nomeamento de persoal directivo e incumpre a propia Lei galega de ordenación do sector público autonómico que esixe unha convocatoria pública e garante os principios de igualdade, mérito e capacidade na contratación de altos cargos nas sociedades públicas, como a CRTVG.
Explicou que os socialistas galegos teñen presentado un escrito diante da Mesa da Comisión alertando desta situación que podería derivar en “problemas serios” e cuestionar a lexitimidade de todo o texto dunha norma que “non hai por onde collela”.