Urxe a “desinvolucionar” a lingua galega logo da perda de falantes e implantación polo “manexo político” do PP dende o ano 2009
A Comisión de Cultura do Parlamento aprobou hoxe unha proposta presentada polo Grupo Socialista para que a Xunta dea conta diante da Cámara da planificación prevista para cumprir cos acordos en materia de lingua, así como para explicar as medidas para divulgar e implantar a lingua. A portavoz de Lingua do Grupo Socialista, Silvia Longueira, emprazou ao PP a “desinvolucionar” a lingua logo da perda de falantes e implantación polo seu “manexo político” dende o ano 2009.
Longueira reclamou poñer á lingua “na axenda política” con dotación económica para “comezar a traballar de cara ao futuro con tranquilidade e con respecto” a partir dunha “barreira de mínimos” que permita superar a situación de risco para o galego. Lembrou que o propio Consello Europeo ten alertado da situación “preocupante” do galego pola súa presenza “insuficiente” no ensino.
Sinalou de maneira gráfica que coa deriva actual “vamos deixar á lingua como recordo institucional polo Día das Letras, logo de explicar que hoxe hai un 30 por cento menos de galego falantes dende o ano 2009, mentres os que máis usan o galego van envellecendo e o uso entre os máis xóvenes redúcese “de maneira exponencial”.
Advertiu que foi naquel 2009 cando o actual presidente da Xunta se puxo detrás da pancarta de Galicia Bilingüe, da man dun Feijóo que “fixo un problema onde non o había” por “un puñado de votos”. E así ata setembro do ano pasado, cando o PP votou en contra de permitir o uso do galego no Congreso por un “mal uso da sociolingüística” despois de que o seu predecesor, Manuel Fraga, si que fora capaz de artellar un consenso en torno ao Plan de Normalización Lingüística.
Reclamou un acordo amplo a favor do galego para frear a caída do uso do galego “como mínimo por respecto á xente que case perdeu a vida e seguro que perdeu a súa xuventude” cando tiveron que emigrar e mantiveron viva á lingua alén das fronteiras de Galicia.
Texto da iniciativa aprobada hoxe:
-“O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a presentar ante a Cámara galega: