A portavoz de Comercio e Turismo do Grupo Socialista, Leticia Gallego, denunciou hoxe o “secretismo” do goberno galego, que opta por “non dicir nada da programación e actividades” previstas para o Xacobeo. Gallego presentou unha pregunta oral en Comisión na que reclamou un incremento do apoio do goberno galego xa que as contías previstas nos Orzamentos de 2021 son “insuficientes” para salvar ao sector.
A responsable socialista esixiulle “rigor” ao goberno galego para ofrecerlle certezas aos máis de 100.000 postos de emprego en perigo que ven como o goberno galego presenta “anuncios sen nada en concreto”, polo que, concluíu, “perdoe pero imos apañados”. Considera “gravísimo” que logo de todo un ano no que “xa sabíamos que había pandemia” o goberno galego “non reprogramou nin reformulou o Xacobeo”.
Gallego advertiu que o “secretismo” demostrado polo goberno galgo, que “non di nada da programación e das actividades previstas leva a pensar que non existe a reprogramación”, e evidencia que “viven na improvisación absoluta, nunha xestión moi pouco seria”. Sinalou que “o sector merece que sexan máis rigorosos, porque de anuncios non se vive”.
Reclamoulle ademais ao goberno galego un investimento “máis elevado” para o sector, xa que “o orzamento para 2021 non é suficiente para salvar ao turismo e a hostalería da nosa Comunidade Autónoma”. Reclamou un “compromiso incondicional con estes sectores, que constitúen un piar básico estratéxico da economía galega” e un esforzo sinalado de cara a “rescatar a confianza dos posibles visitantes estranxeiros e nacionais”.