O grupo parlamentario liderado por José Ramón Gómez Besteiro rexistrou unha batería urxente de iniciativas esixindo á Xunta que asuma a súa culpa para que nin os concellos nin os veciños e veciñas teñan que sufrir un recorte de fondos ou un aumento no recibo do lixo “debido ás malas prácticas do PP”
O Grupo Socialista no Parlamento de Galicia reclamou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que o seu goberno asuma o cen por cen do canon de Sogama con fondos propios, sen recorrer a máis recortes en servizos sociais aos concellos ou sen que sexan as veciñas e veciños quen pague a mala praxe do Partido Popular.
A portavoz de Medio Ambiente, Paloma Castro, resumiu que “o que contamina, paga”, e engadiu que “a que está a contaminar é a Xunta porque continúa incinerando e enterrando residuos en vertedoiros: se Rueda contamina, Rueda debe pagar”. Denuncia que “a Xunta recada este canon tras unha mala xestión dos residuos, e agora pretende presentarse como benefactora dicindo que pagará unha parte. Non se pode ter menos vergoña”.
Os socialistas acusan á Xunta de ser a responsable do incremento deste canon debido á súa “deficiente xestión de residuos”, e esixen que o custo sexa cuberto “integramente polo goberno autonómico e con cargo a fondos propios e non ao Fondo de Cooperación Local” para evitar que, unha vez máis, asfixien aos concellos con asuntos que son competencia directa do goberno autonómico.
Gómez Besteiro xa lle reclamou á Xunta o pasado luns que asumira o custo íntegro da subida do recibo do lixo. Pola súa banda, Paloma Castro, portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, cualificou de “delirante” o anuncio de onte de Rueda, quen afirmou que a Xunta asumiría parte do aumento do canon de Sogama.
Os socialistas consideran que a medida de Rueda é “tardía, insuficiente e enganosa”, e sinalan que foi provocada unicamente pola presión dos municipios gobernados polo PSdeG. En lugar destas solucións parciais, Castro insistiu en que “o que debe facer a Xunta é suprimir o aumento do recibo do canon para todos os galegos e galegas e afrontar os sobrecustos co imposto que recadan”.
O Grupo Socialista tamén esixiu un cambio radical no modelo de xestión de residuos en Galicia, para afastarse de prácticas como a incineración e o depósito en vertedoiro, e optar por solucións máis sostibles e respectuosas co medio ambiente.