A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Noela Blanco, presentou unha serie de iniciativas parlamentarias nas que reclama unha inspección urxente do funcionamento e dos medios materiais do Punto de Encontro Familiar de Ourense. A responsable socialista alerta do inadecuado da súa localización na Casa da Xuventude e urxe á súa reubicación nun emprazamento máis axeitado para garantir a confidencialidade dos usuarios.
Blanco esixe a fiscalización da aplicación os protocolos neste servizo, diante da “negativa a coordinarse con distintas profesionais dos servizos sociais, sanitarios e educativos” obviando os principios fixados pola normativa que regula a prevención e a protección contra a violencia de xénero. Ademais, alerta que o servizo fai caso omiso da obriga legal de garantir un tratamento integral da atención a mulleres que sofren violencia de xénero”.
As organizacións feministas, sinala, teñen denunciado de novo a situación do servizo pola “revitimización das vítimas de violencia machista”. Estes casos son atendidos, sinalan, “como se se tratase simplemente de divorcios conflitivos, reproducindo e perpetuando estereotipos sobre estas mulleres e a violencia, e deixando aos meniños e meniñas en situacións de desamparo e risco”.
Nova ubicación
A parlamentaria socialista sinala ademais que o traslado do PEF á súa ubicación actual, na Casa da Xuventude, provocou a contestación as profesionais do ramo, as organizacións feministas e os propios socialistas de Galicia. Lembrou que “levamos tempo denunciando a situación na que se atopa, insistindo en que non é o emprazamento axeitado dado que é un espazo excesivamente exposto, e que non protexe a confidencialidade necesaria para este tipo de servizo”.