A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Patricia Vilán, urxiu hoxe á Xunta a “deixarse de promesas” e comezar coa dragaxe da Ría de Pontevedra, en risco de quedar “cega” pola acumulación de lodos e lama. Así o dixo no debate dunha pregunta oral en Pleno na que lembrou que o goberno galego leva dez anos adiando esta cuestión.
Vilán lamentou a “falla de valentía” do Executivo á hora de resolver o depósito dos residuos, inicialmente previstos para depositar despois da Illa de Tambo, pero que topou coa oposición das mariscadoras. Apuntou que “teñen sitios de abondo para colocar os residuos”, como é o espazo ocupado pola antiga Sogarisa pero, explicou, “hai que poñer máis cartos enriba da mesa.
Lamentou que logo de 10 anos de ter comprometido a dragaxe e mesmo a construción dunha nova estación marítima e ata unha liña de pasaxeiros dende o interior da Ría, hoxe “non sabemos nada de nada”.
Criticou que o teñan convertido nun “proxecto pantasma” no que “non sabemos o que lles falta para que rematen, que fixeron coas alegacións presentadas, que orzamento prevén nin se continúan coa idea de facer unha estación marítima no antigo porto de As Corraceiras”.