O portavoz de Industria do Grupo Socialista, denunciou hoxe a “resposta cero” da Xunta de Galicia ás ata 12 subcontratas do naval da área de Vigo ás que os grandes estaleiros lles deben 5,49 millóns de euros. O responsable socialista presentou en Comisión unha pregunta oral na que criticou que nin o presidente da Xunta nin o conselleiro teñan levantado o teléfono para responder ás peticións de entrevistas das empresas.
Losada criticou que “hai empresas afectadas por impagos nos que o presidente da Xunta nin está nin se lle espera, deixando no camiño representantes moi importantes do sector cun custe non só económico, senón tamén persoal, moi relevante”. Advertiu que as empresas son acredoras de grandes estaleiros que receben axudas económicas do goberno galego, pero que polos seus impagos abocan ao peche a estas empresas auxiliares.
O responsable socialista sinalou ao goberno galego por tolerar un “sistema industrial de subcontratas en cascada, con ata tres niveis de subcontrata, carentes de todo control pola administración pública”. A Xunta, dixo, proporciona subvencións á empresa matriz, pero a deriva de contratacións fai “imposible de controlar” a súa actuación pola inspección laboral.
O parlamentario socialista criticou que o goberno galego non responda a esta Plataforma de Impagados do Naval polos preto de 5,5 millóns de euros que lles deben as grandes empresas do naval cando “o pasado día 25 publicaron un gasto dun total de 3,95 millóns de euros para unha campaña para a transformación dixital na empresa”.