A portavoz do Grupo Socialista na Comisión da CRTVG do Parlamento de Galicia, Noela Blanco, denunciou hoxe a “política represiva” por parte do ente público contra os traballadores significados coas reivindicacións laborais. Así o dixo no debate dunha pregunta oral polo expediente aberto contra o presentador Carlos Jiménez logo de ter locutado o programa elaborado por unha produtora que foi adquirido e emitido pola propia TVG.
A responsable socialista comparou esta situación coa da tamén presentadora Tati Moyano, que tivo que afrontar un expediente, despois arquivado, por utilizar as instalacións da CRTVG para peitearse antes de participar nunha gala benéfica na que aludiu á situación laboral do ente. Blanco respaldou hoxe as reivindicacións dos traballadores que reclaman o peche do expediente contra Jiménez, a reparación do dano a Moyano e clarexar o réxime de incompatibilidades do ente.
Blanco acusou ao director xeral da CRTVG de “abrir xuízos mediáticos e políticos contra profesionais dos medios de comunicación, deturpando a Lei de Medios de 2011”, e lembrou que é o propio presidente da Xunta quen deriva responsabilidades políticas no seu cargo negándose a dar conta da situación do ente e a responder ás denuncias de manipulación.
Denunciou hoxe que “á fronte da CRTVG haxa unha persoa actuando de maneira irresponsable por responder ás ordes de Feijóo e permitir a instrumentalización do ente”. Situou no seu balance os 6 meses de mobilizacións e os 32 “venres negros” de protesta dos traballadores pola manipulación política dos informativos, paros parciais en novembro e dúas folga de 24 horas o 19 e o 22 de decembro.
Lamentou que o ente teña desbotado a posibilidade de normalizar a situación laboral “logo da flexibilización dos posicionamentos do Comité de Empresa” para chegar a un acordo e evitar as folgas de 24 horas, ao que “responderon con intransixenxia”.
Manipulación informativa
Por outra banda, o deputado socialista Julio Torrado denunciou hoxe a “intencionalidade” da CRTVG de prolongar durante un ano unha nova “falaz” sobre a suposta detención do tenente alcalde de Lalín, integrante do PSdeG. Así o dixo no debate dunha pregunta oral en Comisión na que advertiu que así o recoñece un informe presentado pola CRTVG sobre a edición das novas na súa web.
Naquel informe “de autoavaliación”, apunta Torrado, “recoñecen que tardaron un ano en cambiar a nova –entre novembro de 2017 e outubro de 2018-, xusto cando se introduciu a pregunta na orde do día da Comisión” a proposta do Grupo Socialista. Ademais, dixo, a nova falsa mantívose nunha referencia distinta da propia web “ata que a modificaron no momento xusto en que se debateu a iniciativa no Parlamento”.
Sinalou que, tanto co informe remitido polo ente como pola intervención de hoxe, na que “en vez de asumir un erro, optou por fuxir para adiante”, a CRTVG “asume que é certo que manipularon a nova para ofrecer unha información falsa e falaz”.
Torrado amosou a súa sorpresa por que o propio director xeral da CRTVG admitira un erro no informativo, argumentando que fora subsanado nos informativos seguintes daquel mesmo día, o que, dixo, non impediu que tardaran un ano en modificalo na propia web do ente. Ata aquel momento, dixo, obviaron que o tenente de alcalde de Lalín en realidade non fora detido, se presentara voluntariamente a declarar e “o que é máis grave, non informaron do arquivo do caso”.
Sinalou unha “manipulación obvia da información” que “só se trata ou modifica cando hai una esixencia directa” mentres “vulneran o respecto e a normativa a esta Cámara sen aclaración dos órganos competentes. Aludiu así á interrupción da sesión do pasado 31 de outubro por un acompañante do director xeral sen identificar, que derivou nunha “lamentable actuación” da presidencia, que “chamou a atención a este deputado, que foi interrompido e ninguneado”.