Os representantes do Grupo Socialista na Comisión de Agricultura, Martín Seco e Carmen Rodríguez, veñen de denunciar no Parlamento o “reparto clientelar e partidista de recursos da Consellería de Medio Rural para beneficiar a concellos gobernados polo PP”. Así o dixeron logo de coñecer a orde do 22 de marzo de cesión de tractores, rozadoiras e trituradoras para o mantemento de camiños e estradas municipais e xestión da biomasa.
Os responsables socialistas esíxenlle ao goberno galego que “corrixa de inmediato esta práctica antidemocrática que por desgraza estase a converter en norma habitual na forma de xestionar da Consellería do Medio Rural”. Advirten que desta volta replican “o mesmo reparto partidista de recursos” que vimos de denunciar o pasado 4 de decembro, daquela cun convenio entre Medio Rural e a Deputación de Ourense que favorecía a nove concellos.
Desta volta reparten 13 vehículos especializados entre os concellos de Lousame, Ordes, Padrón, O Páramo, As Nogais, Pontón, Monterrei, Rairiz de Veiga, Toén, e as mancomunidades do Ribeiro e de Ourense, Arbo e Moraña. Sinalan que, agás o concello de O Páramo, gobernado por independentes, o resto son gobernados polo PP, mentres unha das mancomunidades aglutina 5 concellos da mesma cor política e a outra ten 8 concellos do PP, 1 do PSdeG e outro do BNG.
O Grupo Socialista esíxelle á Consellería do Medio Rural que clarifique os criterios empregados para a asignación destes recursos aos concellos, e que presenten as solicitudes ou peticións dos concellos que derivaron na cesión dos vehículos.