A portavoz de Xustiza do Grupo Socialista, Patricia Vilán, reclamoulle hoxe á Xunta que traballe pola eliminación das discriminacións por razón de sexo que afectan ás mulleres deportistas. Vilán presentou unha pregunta oral en Comisión na que criticou que o goberno galego teña “esquecido” ao deporte feminino no debate dos Orzamentos para o próximo ano.
Denunciou o incumprimento tanto da Lei de Igualdade estatal como autonómica no ámbito do deporte galego, que “adoece dunha eiva de nacemento” ao carecer de convenios colectivos sectoriais e provoca que as relacións laborais se negocien “clube a clube”. Agás unha “illa” representada por un equipo de fútbol sala de Burela que si conta con convenio dende 2018, a maioría das deportistas “non teñen contrato laboral e o seu deporte non é profesional”.
A responsable socialista sinalou que estas deportistas sobreviven con “salarios precarios e pagos en especie, como pisos de alugueiro, coches ou dietas”, mentres “algunhas árbitras de balonmán aínda teñen limitado o dereito a arbitrar determinadas competicións masculinas”. Ademais, dixo, están “obrigadas a facer parellas fixas, co cal, se unha das compoñentes quedara embarazada, a súa parella tampouco podería arbitrar mentres dure a baixa”.
Sinalou que “estas prácticas discriminatorias son contrarias ao artigo 14 da Constitución, que recoñece o dereito á non discriminación por cuestións de sexo, e por iso, explicou, “afirmamos que a Lei Orgánica de Igualdade 3/2007, e a súa homónima Lei galega –texto refundido de 2016- non se cumpren no deporte galego”.