Lage Tuñas destaca a “madurez” das dúas formacións políticas no diálogo que lle permitirá aos socialistas acadar máis dun cento de alcaldías
5 de xuño de 2023. Representantes do PSdeG e do BNG refrendaron este luns en Santiago o acordo mutuo para garantir a formación de gobernos progresistas nos concellos galegos nos que a dereita non sume. O secretario de organización do PSdeG, José Manuel Lage Tuñas, defendeu a “madurez” de ambas formacións que deciden apoiarse de forma recíproca para facilitar a investidura do candidato socialista ou nacionalista que obtivo máis votos.
O PSdeG estivo representado na primeira reunión para negociar o acordo co BNG, aparte de por Lage Tuñas, pola presidenta do partido en Galicia, Carmela Silva, e o secretario de Política Municipal do PSdeG, Alberto Varela.
Lage Tuñas destacou este “primeiro acordo relevante” enmarcado na “primeira xornada” de negociacións “coa que hai que estar satisfeitos”, apuntou. Grazas a estes encontros coa formación nacionalista, asegurou que lograrán que se cumpra “a vontade expresada polos cidadáns” da formación de gran número de gobernos locais “de progreso” en Galicia.
Apuntou isto á luz dos resultados acadados nos comicios do pasado 28 de maio, que deixou unha foto fixa dun Partido Popular que obtivo o 38 % dos votos en Galicia, oito puntos menos con respecto ao 46% dos votos que lograron a suma de PSdeG e BNG. Isto colocou ás “forzas situadas nas esquerda como maioritarias”, sinalou Lage.
Tamén quixo resaltar que de saír adiante os acordos, os socialistas están en disposición de seguir gobernando a “máis da metade da poboación galega” e acadar unha cifra próxima ás 109 alcaldías que o PSdeG ostenta na actualidade, confiando en calquera caso en superar os 100 concellos cun rexedor ou rexedora da formación socialista.
O secretario de organización do PSdeG enmarcou o inicio das conversas dentro da normalidade política ao referirse a elas como “a mellor tradición do Partido Socialista que dende o ano 1991 construíron acordos” para que “haxa o maior número posible de concellos en Galicia gobernados por forzas progresistas”.
Para iso establecen un “marco de diálogo” co BNG, falando “con claridade e poñendo por diante os intereses dos veciños e veciñas” para a conformación de gobernos de progreso, coa intención de que “pivoten” sobre un PSdeG que definiu como “a forza transformadora e que cambia a vida da xente dende as institucións”.