A deputada Noela Blanco reclama “unha xestión pública” e insta ao goberno galego a “rectificar” esa “salvaxada”
Santiago, 27 de marzo de 2018. A deputada socialista Noela Blanco instou hoxe á Xunta a “abandonar o obxectivo de facer negocio” a conta dos menores e “rectificar” a “salvaxada” de “regalar” Montealegre, un centro de referencia para o sur de Galicia, a unha empresa privada.
En comisión parlamentaria, Noela Blanco criticou que o conselleiro de Política Social declinase acudir á Cámara e optase por “agocharse” trala directora xeral de Familia para non dar contas sobre esta “privatización”. Será, concluíu, porque “non é unha boa carta de presentación” para lanzarse pola Alcaldía de Ferrol.
Sexa como sexa, o que reprobou a parlamentaria do PSdeG é que a Xunta optase por “cambiar o modelo de xestión” ao termo dunhas obras que “ían durar oito meses” pero mantiveron o centro pechado durante “seis anos”, e que o fixese con “escurantismo” e “ocultando información” á Cámara.
En paralelo, denunciou que o goberno galego demostrou que “non confía nos empregados públicos” ao “desprazar” a traballadores con décadas de experiencia e cuestionou que desoíra as queixas do Valedor do Pobo sobre a mestura de menores con problemas de conducta con outros tutelados pola Xunta.
Outro asunto no que puxo o foco a deputada socialista é en que as ofertas de traballo para este centro de menores estaban nunha páxina de internet “catro días antes” de que se fixese público o prego. “¿Como é posible?”, inquiriu, crítica co xeito en que se deu “o boleto premiado da lotería” a unha empresa.
CUSTE DO CENTRO
Finalmente, Noela Blanco censurou que a Xunta “regale a unha empresa privada por 3,2 millóns de euros ao ano” un centro de menores que foi reformado por case 1,7 millóns de euros.
Ao fío diso, sinalou o custe para as arcas públicas dese centro no ano 2011, o último que estivo en funcionamento, era “a metade” do que agora se abona á empresa.