A portavoz de Turismo do Grupo Socialista, Leticia Gallego, levou ao Parlamento a situación precaria do albergue de peregrinos de Arca, no concello de O Pino. A responsable socialista visitou o albergue antes de presentar unha serie de iniciativas parlamentarias para urxirlle ao goberno galego que inicie a rehabilitación dunha infraestrutura que acumula 27 anos de antigüidade sen reformas de calado.
Gallego sinala que “a reforma máis urxente é a da súa accesibilidade” para eliminar as barreiras arquitectónicas no inmoble, ao que hai que acceder a través dunha gran pendente e o acceso está limitado por un escalón. Ademais conta con humidades e filtracións, a carpintería de aluminio con fiestras de hai case 3 décadas, o equipamento de instalación sanitaria ou o alicatado dos baños e o pavimento cerámico de toda a instalación.
A responsable socialista reclámalle á Xunta a reforma urxente do inmoble “con dotación orzamentaria suficiente” para “potenciar a chegada de peregrinos para que os albergues sexan uns servizos integradores e non discriminatorios pola discapacidade dunha persoa”.
Apunta que “a antigüidade dos albergues de peregrinos fai necesarias inversións significativas para a súa adecuación a tódolos turistas que visitan a nosa terra, máxime cando estamos a catro meses do ano Xacobeo 2021”. Advirte que “son moitos os albergues públicos que pertencen á Xunta de Galicia que necesitan inversión e melloras nas súas instalacións”.