Silvia Longueira reclama a mellora das condicións das residencias de maiores e lembra que Galicia precisa de 14.000 novas prazas públicas para cumprir coas recomendacións da OMS
A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Silvia Longueira, esixiulle á Xunta que presente dunha vez o novo modelo de residencias de maiores que levan meses anunciando e que “non vemos por ningures”. Así o dixo no debate dunha interpelación á conselleira de Política Social para reclamar o reforzo e mellora das condicións das residencias públicas.
Longueira advertiu que Galicia conta con 22.000 prazas de residencias de maiores, pero das cales só 4.800 -apenas o 23 por cento- son públicas, mentres os usuarios e usuarias teñen que soportar listas de espera de máis dun ano, ata o punto de que preto de 400 persoas faleceron no ano 2023 á espera de recibir a súa praza. Salientou que Galicia precisa de 14.000 novas prazas públicas de maiores para cumprir coas recomendacións da OMS.
Criticou a “falla de planificación e de real interese” por parte da Xunta, que maltrata aos maiores con listas de espera inasumibles, carecen de plan de proximidade para que non teñan que afastarse da súa contorna, carecen dun plan “racional e planificado” de construción de residencias, que se atopan nun estado lamentable e sen persoal suficiente. Acusounos de “facer un galope de ideas para tapar ocos no canto de desenvolver o Plan estratéxico que figura na Lei de Servizos Sociais”.
Esixiulle ao goberno galego que “escoiten aos colectivos” afectados, que “o único que queren é ingresar en residencias que non sexan macrohoteis que desnaturalizan á vellez”, e reclaman un mantemento acaído e o reforzo da plantilla, que está a asumir uns ratios insoportables de 3 auxiliares para 44 residentes.
Patoloxías psiquiátricas
Longueira cuestionou que o goberno galego estea ingresando nas residencias públicas a enfermos con patoloxías mentais sen ter en conta as súas necesidades específicas, sen facultativos especializados, sen o persoal de apoio preciso nin as infraestruturas necesarias. Acusounos de “iniciar unha nova liña de traballo sen ter preparados os equipos nin os edificios”, xerando un problema dobre tanto de cara aos pacientes psiquiátricos como cos usuarios das residencias.
Citou o caso da residencia de Oleiros, que comezou a recibir enfermos psiquiátricos a comezos deste ano, que ingresaron nas mesmas plantas, habitacións e corredores que os residentes, “sen persoal especializado, e co xa existente sobrepasado para atender o traballo cotiá”. A situación chegou ao punto de que o persoal da residencia decidiu elevar as queixas á Valedora do Pobo logo de escritos, denuncias e declaracións fronte aos medios de comunicación.