A portavoz de Xustiza do Grupo Socialista, Patricia Vilán, levou hoxe ao Parlamento o presunto “trato de favor” para concederlle praza de interino á concelleira de Urbanismo de Tui sen cumprir cos requisitos. Así o dixo no debate dunha pregunta en Comisión na que acusou ao PP de “comprometer fondos públicos para favorecer cambios políticos” en Pontevedra.
Vilán lembrou que a propia concelleira de Urbanismo do Concello deixou a súa praza como auxiliar de Xustiza en Madrid con motivo do seu nomeamento como concelleira. A continuación, sinalou, comezou a traballar nos xulgados da Parda, en Pontevedra, “como interina, pero sen estar na lista de interinos de Galicia e con menos puntuación que outros compañeiros”.
A responsable socialista apuntou ao acordo asinado polo delegado provincial da Xunta en Pontevedra, Cores Tourís, como representante do PP, co actual alcalde de Tui, no que comprometeron mesmo actuacións correspondentes ao goberno central. Vilán lembrou que o alcalde representa a un partido con 2 concelleiros que goberna apoiado nos 4 “populares” e 3 escindidos.
Amosou a súa sorpresa polo acordo no que o delegado da Xunta asumía “como propios”, entre outros, a rehabilitación do Teatro Principal competencia do Estado, a rehabilitación dos novos xulgados e a rotonda Guillarei – Caldelas, da que só citaron aos titulares dos terreos para iniciar coas expropiacións.
Episodios estraños
A responsable socialista acusou ao PP de “comprometer fondos públicos para favorecer cambios políticos” na provincia de Pontevedra. Vilán presentou unha pregunta oral na que alertou de “episodios estraños” para cambiar os gobernos de Tui, Oia, Pontecesures, Sanxenxo, ou a fusión de Cerdedo – Cotobade antes da “desaparición” de 200 persoas do censo.
Amosou a súa sorpresa polas críticas do PP á censura que desaloxou a Rajoy da Moncloa logo da condena da Gürtel, cando obtiveron as alcaldías de Tui, Oia, Pontecesures a través de mocións, e a de Sanxenxo por unha “automoción de censura”.
Rematou lembrando a situación do concello fusionado de Cerdedo – Cotobade, un proceso xustificado por unha virtual recuperación do censo, cando despois de rematar a fusión “desapareceron” 200 persoas do censo. Agora hai, dixo, un concello de máis de 6.000 habitantes con 13 concelleiros que probablemente reduciranse pola perda repentina de poboación.