Patricia Vilán manifestou a necesidade de crear un imposto disuasorio para combater o uso de bolsas de plástico dun só uso
A portavoz de Medio Ambiento do grupo Socialista, Patricia Vilán, lamentou o veto do PP a unha proposición de Lei do Grupo Socialista presentada hoxe no Parlamento para fixar un imposto disuasorio contra as bolsas de plástico dun só uso.
Patricia Vilán manifestou, no día do Medio Ambiente, que “cada ano oito millóns de toneladas de plástico chegan aos mares e os océanos e en 2050 no mar haberá mais plásticos que peixes”. Así, a proposta que levou o Grupo Socialista ao Pleno “se centra nas bolsas de plástico dun só uso, que son macro plásticos”.
A deputada denunciou que “estas bolsas tardan 55 anos en degradarse e as comunidades autónomas, con vontade, poden adoptar solucións”. Deste xeito, Vilán instou á Xunta a “seguir o camiño de diversas autonomías, así como de numerosos países da UE onde o imposto xa existe” e facer uso da potestade tributaria e gravar o uso de bolsas dun só uso deixando exentas as reutilizables, as biodegradables e as de produtos frescos.
Patricia Vilán puxo sobre a mesa que “Bruxelas levaba dicíndolle ao Goberno do Estado que tiña que reformar o sistema impositivo medioambiental”. Afirmou que “España fíxoo tarde, mal e arrastro; traspoñendo a Directiva da UE 2015/720 e incumprindo os prazos legais establecidos.” Así, o Goberno central “non acordou un novo imposto, senón que dixo que sexan as empresas as que reciban ese aumento de ingresos coa recadación das bolsas”.
Do mesmo xeito, cualificou de “lamentable” que o Goberno non teña feito nada neste aspecto e sinalou que a proposta socialista “ traería consigo un imposto con carácter indirecto e natureza real, co obxectivo de diminuír as bolsas de plástico e a finalidade de minorar a contaminación”. Desta maneira, “o tipo impositivo sería de 10 céntimos de euro e a partires de 2020 de 15 céntimos”.