A portavoz do Grupo Socialista na Comisión do Consello de Contas, Begoña Rodríguez Rumbo, criticou hoxe a “opacidade e escurantismo incomprensibles” que demostra o PP ao vetar tódalas recomendacións presentadas polos socialistas galegos ao Plan de actividades do ente fiscalizador para o ano 2018.
A responsable socialista criticou a negativa do PP a incorporar ningunha das 17 propostas presentadas polo socialistas galegos dirixidas a dotar ao Consello de Contas de máis axilidade e “garantir unha maior transparencia” na xestión da Xunta. Explicou que “redundaría sobre todos os que estamos aquí, porque permite aumentar a confianza da cidadanía na clase política e na xestión das políticas públicas”.
Rodríguez Rumbo presentou estas propostas logo da invitación do propio conselleiro maior, que na última sesión desta Comisión amosou a súa disposición a incluír as propostas da oposición, a pesares de que hoxe a portavoz do PP considerara inadecuado facerlle calquera tipo de recomendación ao plan de traballo para este ano.
As propostas presentadas polos socialistas galegos incluían de novo a fiscalización dos contratos de publicidade e comunicación do goberno galego entre 2015 e 2017, así como informes de fiscalización da Axencia Galega para a Modernización Tecnolóxica, coa Axencia Galega de Turismo, ou coas entidades locais e as entidades dependentes.
Tamén reclamaron un balance da xestión dos programas operativos dos fondos comunitarios, un informe sobre a xestión das axudas públicas polas confrarías de pescadores, así como do servizo de Gardacostas ou do contrato cos helicópteros do servizo de prevención e loita contra os incendios.
Propuxo unha análise da situación dos concellos de Cercedo e Cotobade e Oza dos Ríos e Cesuras antes e despois da fusión, para “ver se responderon a unha planificación da Xunta de Galicia. Os socialistas galegos reclamaron ademais un informe de fiscalización dos concellos de Os Blancos dende o ano 2009 e de Miño, que afronta unha débeda viva de 15 millóns de euros polas actuacións urbanísticas para a promoción de Fadesa do proxecto Costa Miño – Golf.