A portavoz de Xustiza do Grupo Socialista, Patricia Vilán, acusou hoxe ao PP de “presumir” de ter paralizado a Lei da Memoria Histórica dende o Goberno Central. A responsable socialista presentou unha pregunta oral en Comisión para reclamarlle ao goberno galego que impulse a anulación das sentenzas militares por delitos políticos ditadas en Galicia durante a Guerra Civil.
Vilán citou as declaracións do propio presidente do Goberno, Mariano Rajoy, “gabándose” de que “la asignación presupuestaria de la Lei de Memoria Histórica en los 5 presupuestos de mi Goberno ha sido de cero euros, fue de cero euros todos los años”. Por este motivo, dixo, “quedan cuestións pendentes” na aplicación da dita Lei, concibida para recuperar a “memoria das vítimas” nun “esforzo de reparación e compensación”.
A responsable socialista sinalou que “dende o punto de vista formal non hai un procedemento específico para a anulación” daquelas sentenzas “ditadas por tribunais creados ad hoc para as condenas, sen proba algunha e só por defender a legalidade republicana”. Apuntou á reforma ou á introdución dunha nova norma na Lei de Enxuizamento Criminal como posibles vías.
Lamentou os esforzos do PP por converter a memoria histórica nunha “tarefa inacabada e inxustamente interrompida”, debido a que “tivo a audacia de declarar a ilexitimidade dos tribunais franquistas e o carácter radicalmente inxusto de todas as súas condenas”.
Condena
A deputada socialista presentou na Cámara autonómica a sentenza contra o seu propio bisavó, Edmundo Pérez Díaz, condenado a morte en maio de 1937 sen probas das acusacións, sen defensa, sen testemuñas e sen probas físicas. Lembrou que as acusacións incluían a obtención de armas de fogo e facer “propaganda marxista” sen ter aportado ningunha proba.
Vilán lembrou que “o seu único delito foi ter sido concelleiro do PSOE en Sober, un dos poucos que sabían falar en público dende o pobo”, e a consecuencia é que “sabemos que foi executado en Lugo pero aínda non sabemos onde está enterrado. Dixo que se trata “dunha mostra que personifica a necesidade da reparación da memoria de moitísimas persoas en España e tamén en Galicia”.