O portavoz de Economía, Industria e I+D do Grupo Socialista, Abel Losada, acusou hoxe ao PP de prepararlle o camiño ás grandes eléctricas para cargar sobre a factura os 70 millóns de tributos medioambientais que lles cobrou o goberno galego en 2013. Losada presentou unha proposición non de Lei para pedirlle á Xunta que impugne esta decisión e que foi rexeitada polo PP.
O responsable socialista alertou das consecuencias “letais en termos de modernización e transición enerxética” da decisión do PP e do goberno galego de respaldar a política enerxética do goberno central, que con esta decisión confirma que “non paga quen contamina”. Sinalou que a estratexia do goberno galego de “fiar á xustiza” esta decisión “leva ao fracaso, e serán os galegos e galegas os que terán que pagar estes impostos”.
Censurou que desta forma “quen sufre en primeira persoa os efectos da contaminación e da explotación da enerxía nos ríos e encoros galegos será quen teña que pagar”, e criticou a “política mediática do goberno galego que agocha unha xestión ineficaz no ámbito da enerxía”.
É consecuencia do auto do Supremo do 10 de marzo que permite que as empresas cobren na factura eléctrica os suplementos territoriais que lle pagaron ao goberno galego en 2013 polo canon de saneamento, o imposto sobre contaminación atmosférica, o imposto sobre a auga e o canon eólico, que ascenden a 70 millóns de euros.
Os socialistas reclamáronlle hoxe ao goberno galego “que impugne a repercusión na factura eléctrica sobre a cidadanía dos suplementos territoriais polos tributos medioambientais propios da nosa Comunidade Autónoma”, unha proposta que foi vetada polo PP.
Losada advertiu que “non parece que existan garantías” detrás do anuncio da Xunta de impugnar a decisión do Goberno central de permitir que as eléctricas carguen sobre a factura este sobrecuste. Esa é a súa conclusión logo de escoitar durante todo o proceso que os impostos non serían repercutidos, ademais da súa “coñecida defensa da política enerxética levada a cabo polo Goberno Central”.
Cuestionou así o seu apoio ao ex ministro Soria, que dicía que as renovables son “moi caras e eran as que causaban o incremento dos prezos”. Así o dixo despois de que en xuño de 2017 votaran contra a proposición de Lei do PSdeG para impedir que as facturas eléctricas inclúan unha nova suba en concepto dos impostos medioambientais aplicados pola Comunidade Autónoma e despois de que o conselleiro de Industria presentara no pasado Pleno o seu Plan de Estratexia Enerxética “sen un só dato nin un só papel”.