O responsable de Política Institucional do Grupo Socialista, Juan Díaz Villoslada, lamentou hoxe o veto do PP a unha proposta socialista para que os cargos públicos informen “de xeito claro” dos contactos que manteñan. Esta iniciativa reclamaba un maior control da actividade e os contactos cos grupos de interese para despexar dúbidas sobre a resposta dos gobernantes ao tráfico de influenzas.
O responsable socialista lamentou as “escusas” postas polo PP para rexeitar esta proposta, apelando a un debate no Congreso sobre este mesmo asunto, do que, lembrou, a Comunidade Autónoma ten competencia. Apostou así por “regular mellor a calidade institucional e devolverlle á cidadanía a confianza nas institucións públicas”, e apuntou que “non basta só con ser honrado, ademais hai que parecelo”.
Díaz Villoslada advertiu que “con 900 cargos públicos procesados por corrupción o PP non pode dar leccións e non está lexitimado en absoluto para falar de rexeneración democrática”. Urxiu a “facer algo” diante do goteo de casos de portas xiratorias, financiamento ilegal de partidos ou incompatibilidades” e acusou ao PP de “buscar escusas fora”.
Amosou a súa sorpresa polo interese do PP por agochar a axenda de traballo dos representantes públicos cando a fraude é a segunda preocupación da cidadanía. Ademais, segundo o Eurobarómetro, o 77 por cento dos cidadáns cren que a corrupción forma parte da cultura dos negocios, o 67 por cento considera que as conexións políticas son a única forma de ter éxito e o 91 por cento ve excesivos vínculos entre diñeiro e política.
O parlamentario socialista apelou ao último informe do Grupo de Estados contra a Corrupción –Greco- do Consello de Europa, que aplicou “un serio correctivo” ás autoridades españolas pola súa inacción nas recomendacións para regular a actividade dos grupos de interese ou lobbies. Díaz Villoslada distinguiu entre os grupos de interese lexítimos e os grupos de tráfico de influenzas para actividades ilegais.
Lembrou as conclusións do informe do Consello Galego da Competencia advertindo de actividades irregulares no sector lácteo, da enerxía eléctrica ou dos carburantes, definidos como “focos de actividade dos grupos de presión”.
Neste sentido, reclamou a creación dun rexistro específico de “lobistas” obrigatorio para todos aqueles que queiran exercer influenza lexítima de forma organizada, un código ético para a súa actividade e a identificación dun órgano independente encargado de xestionar a vixiar o sistema.