A portavoz de Vivenda do Grupo Socialista, María Pierres, cualificou de “obscenidade política sen explicación” o veto do PP a unha proposición de Lei do Grupo Socialista para que a Xunta asumira o pago do IBI que hoxe recae sobre os arrendatarios de vivendas públicas.
A responsable socialista criticou o rexeitamento do PP a esta proposta, que en xullo si que foi aprobada en Madrid, que suporía un desembolso “irrisorio” polo goberno galego e que afectaría a 3.000 familias, en torno a 10.000 persoas. Explicou que a Xunta só tería que destinar 800.000 euros -mentres o IBI recada en Galicia cada ano 438 millóns- cando deixaron de executar 3,15 millóns da partida de acceso á vivenda en 2017.
Os socialistas galegos reclamaban “ampliar a protección” ás persoas que precisamente teñen que acceder a unha vivenda pública en réxime de alugueiro pola súa difícil situación económica. Ademais o facían garantindo o respecto ás competencias estatais en materia tributaria e mantendo indemnes os recursos tributarios que as entidades locais detraen a través do IBI.
A proposta establecía “a creación dun mecanismo compensatorio, de natureza non tributaria, por importe equivalente á cota do IBI que debe ser legalmente obxecto de repercusión”. Explicou que se trata de reducir o importe correspondente ao IBI de forma proporcional na renda mensual que deben pagar os inquilinos.
María Pierres sinalou o impacto que ten o pago do IBI para estas familias, xa que “neste ano, como nos pasados, constatouse que, na realidade de moitos inquilinos destas comunidades de vivendas, a repercusión do IBI superou en moitos casos tres veces o prezo do alugueiro mensual”.
Este duro golpe resulta especialmente dramático nunha sociedade que acolle a persoas que “non viven, senón que subsisten malvivindo” porque teñen que destinar unha parte moi importante dos seus ingresos aos gastos da vivenda. Sinalou que unha familia con 11.600 euros de ingresos anuais e un alugueiro medio de 115 euros por unha vivenda social, ten que destinar a gastos de vivenda 360 euros dos 966 cos que conta cada mes.
Sen embargo, un caso máis grave, dunha familia con 454 euros de ingresos mensuais, tan só conta con 94 euros para subsistir todo o mes. Lamentou a falla de sensibilidade do PP a estas situacións, que levan a que en 2016 houbera en Galicia a “barbaridade” de 442.000 familias que non podían permitirse pagar a calefacción, e 136.000 familias que admitiran terse retrasado no pago dos gastos da vivenda.