A portavoz de Cultura do Grupo Socialista, Noa Díaz, criticou hoxe a “utilización inaudita das institucións” por parte do PP e do Goberno galego, logo de constatar a visita da totalidade do Grupo Parlamentario á Catedral de Santiago da man do conselleiro de Cultura. A responsable socialista reclamoulle ao goberno galego que dea tódalas explicacións oportunas diante do Parlamento de Galicia.
Díaz alertou da “perversión da función institucional” do conselleiro de Cultura e a utilización do seu cargo para o que en realidade é “unha visita lúdico – cultural que queren aproveitar para facer propaganda institucional”. Criticou a “mestura do papel institucional e orgánico” dun conselleiro que “debe explicar se acudiu á cita en calidade de membro do PP ou como conselleiro”.
Preguntou ademais “como conseguiron as entradas” que “o resto dos mortais temos que conseguir gardando cola nas instalacións da Fundación Catedral”. Criticou que traten as institucións “coma se o patrimonio de todos os galegos e as galegas, que foi restaurado con diñeiro público, fora da súa propiedade”.
A responsable socialista quere que o conselleiro explique ademais se a visita dos 44 deputados e deputadas do PP foi realizada respectando o límite de 25 persoas por grupo, e polo tanto en dúas quendas e restando espazo á cidadanía, ou ben dunha soa tacada e polo tanto incumprindo a normativa de seguridade establecida.