Pablo Arangüena lamenta que Galicia estea perdendo os seus bosques autóctonos “de xeito acelerado” en gran parte do seu territorio
O vicevoceiro socialista lembra que Cataluña impulsou unha rede de máis de 150 bosques protexidos e que os estados europeos teñen unha media do 5% da súa superficie como bosques protexidos
O PP e o BNG vetaron a creación dunha rede de bosques autóctonos públicos en Galicia. Ocorreu hoxe, no Pleno do Parlamento, despois de que o Grupo Popular e o Grupo do Bloque Nacionalista Galego votasen en contra dunha proposición non de lei do Grupo Socialista para instar ao goberno galego a promover, como mínimo, un bosque autóctono por concello.
O vicevoceiro do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, reivindicou esta iniciativa que busca a conservación, mellora e posta en valor dos bosques autóctonos xa existentes e a creación de novos, no caso de non existir, partindo da adquisición de terreos e da plantación de árbores.
“Galicia, a pesar de ter unha gran superficie forestal, está perdendo os seus bosques autóctonos de xeito acelerado en gran parte do seu territorio”, alertou o dirixente socialista para urxir que estes teñan “prioridade nas políticas públicas dun país civilizado do século XXI, en liña co dereito constitucional a un medio ambiente axeitado para o desenvolvemento da persoa”.
A proposta de crear unha rede de bosques autóctonos permitiría, sinalou, contribuír a crear espazos de esparcemento e desfrute da natureza e producir un “gran beneficio ambiental e social cunha moi escasa inversión” de recursos públicos.
Así o fixeron xa comunidades como Cataluña onde existen máis de 150 bosques “intocables” ou os estados europeos, onde “protexen unha media do 5% do seu territorio como zonas boscosas que non se poden tocar ou, se se tocan, hai que facelo dun xeito sostible e respectuoso coa biodiversidade”.
Neste sentido, lembrou a situación das Fragas do Eume que, malia ser “un dos bosques máis importantes” de Galicia, se atopa “asediado” e “invadido” por unha especie invasora como o eucalipto. Tanto é así que o bosque autóctono neste espazo “só” ocupa un 32% na actualidade cando no ano no que se creou o parque ocupaba o 40%.
Asemade, Arangüena lembrou que un dos acordos que se adoptou na recente COP26 foi o de frear a deforestación do planeta, en base ao consenso de que os bosques “son o instrumento máis importante, barato e efectivo do que dispón a humanidade para loitar contra a crise climática” que, a súa vez, “representa a maior ameaza ecolóxica, pero tamén económica e social á que nunca se enfrontou a humanidade”.
A IMPORTANCIA DO SECTOR FORESTAL EN GALICIA
Noutro orde de cousas, o viceportavoz socialista sinalou que o sector forestal representa máis do 3% do PIB de Galicia, é unha das principais actividades económicas e ocupa a máis de 70.000 persoas “nun país azoutado polo desemprego”.
Por último, incidiu que Galicia, “por si soa”, é novena potencia forestal europea e produce a metade da madeira que se corta en España, unhas “magnitudes” que se acadaron “a pesar da desidia pública e de que un terzo do monte galego é improdutivo, cifra moi superior á de outros lugares con tradición forestal, o que dá idea do gran potencial desaproveitado” polo goberno galego.